Cristina Barreiro, unha moza coa síndrome de Down usuaria da asociación Down Coruña, forma parte desde a pasada semana do persoal da Farmacia Pocomaco tras asinar un contrato laboral directo, sen período previo de prácticas.
Cristina traballará principalmente no almacén da botica, desenvolvendo labores de reposición e clasificación de medicamentos, así como de recepción de produtos.
A inclusión laboral das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais é un dos principais obxectivos de Down Coruña, xa que, a través da súa inserción no mercado ordinario de traballo, lógranse en paralelo outros obxectivos como a súa independencia persoal e económica e un maior grao de responsabilidade.
Manuel Rego, director executivo da entidade, mostra unha “gran satisfacción” por esta contratación ao seguir sumando persoas asociadas que atopan o seu sitio no mercado laboral, xa que “demostra que o traballo que desenvolven preparándose durante meses dá os seus froitos”, declara.
Natalia Pérez, titular da Farmacia de Pocomaco, destaca da nova empregada da firma as súas “ganas de aprender” e que se lle ve “moi desenvolta” no desempeño das tarefas que realiza no almacén. “Cada ano buscamos colaborar cunha entidade da cidade e este ano eliximos a Down Coruña. Ademais, nesta ocasión, decidimos dar un paso máis ao incorporar a Cristina Barreiro ao noso equipo. Todas estamos moi ilusionadas coa súa incorporación”, relata Natalia Pérez. Cristina é unha máis no equipo.
Ademais da contratación de Cristina, a Farmacia Pocomaco colabora en outras accións de sensibilización coa asociación. Así, co obxectivo de dar visibilidade á entidade, incorporará o logo de Down Coruña ás bolsas de tea que entrega á súa clientela.
Sobre Farmacia Pocomaco
Farmacia Pocomaco é unha botica aberta en 2014 e situada no polígono industrial que lle dá nome. Ademais dos servizos de farmacia habituais, ofrece outros máis específicos como Dermofarmacia ou alimentación infantil.
Cada unha das mulleres que integran este equipo vaise especializando nun servizo diferente para achegar valor engadido ás persoas que acoden á farmacia.