Un total de 172 persoas participantes no programa de Emprego con Apoio da Federación Down Galicia estiveron contratadas en empresas ordinarias da súa contorna durante o ano 2021. Este dato é case idéntico ao obtido no mesmo período do ano anterior, onde se constatou unha baixada significativa no número de contratacións con respecto a anos anteriores, sendo evidente a continuación dos efectos negativos da COVID-19 no proceso de inserción laboral das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Por outra banda, a porcentaxe de persoas usuarias da bolsa de emprego de Down Galicia que tiveron acceso a un posto de traballo neste período descendeu ata quedar no 67,7%. Ademais da relación entre este descenso e o número de contratacións, esta baixa porcentaxe tamén ten a súa orixe no elevado número de participantes no programa, que nesta ocasión ascendeu ás 254 persoas usuarias, deixando constancia da importancia que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais lle outorgan a ter un emprego.
En canto á distribución por localidades, obsérvase que foron 64 persoas as que traballaron en 2021 na zona de Vigo, 31 na Coruña, 18 en Lugo, 16 en Pontevedra, 16 en Ourense, 16 na área de Compostela e 11 na zona de Ferrolterra.
Estas 172 persoas asinaron un total de 188 contratos de traballo, mediante os que os traballadores e traballadoras puideron adquirir experiencia en postos tan variados como masaxista, dependente, auxiliar de repostería, auxiliar administrativo, peón forestal, atención ao cliente, peón electricista, telefonista, ordenanza, limpeza de praias, operario de produción, azafata ou mantemento de instalacións deportivas, entre moitos outros.
Despuntan neste período o número de prórrogas dos contratos e as transformacións dos mesmos en indefinidos, que chegan a 21 e a 7 respectivamente. Estes datos poñen claramente de manifesto a eficacia das persoas con discapacidade intelectual nos seus postos de traballo, demostrando que teñen capacidades máis que suficientes para superar o reto que lles propón a sociedade en canto ao traballo inclusivo.
Destaca tamén o elevado número de prácticas formativas realizadas polos usuarios e usuarias das entidades Down en Galicia (49), coas que reforzan a súa motivación cara o emprego e melloran as súas habilidades socio-laborais. Sumando contratos e prácticas, case o 75% das persoas usuarias do programa de emprego de Down Galicia contaron con unha oportunidade no eido laboral o pasado ano.
Non obstante, os principais escollos para o colectivo de persoas con discapacidade intelectual seguen a ser a inestabilidade, a temporalidade nas contratacións e a curta duración das súas xornadas de traballo.
Ademais, debido á situación de crise sanitaria e social que estamos a vivir desde marzo de 2020, 35 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais usuarias das entidades Down de Galicia estiveron durante algún momento do ano en situación de ERTE, quedando aínda algunhas delas sen reincorporarse aos seus postos de traballo.
Sen embargo, aínda que desde hai uns anos podemos observar como se acadan bos datos na inserción do colectivo, o acceso a un posto de traballo de forma normalizada segue a ser un dos grandes retos das entidades que traballan a prol da inclusión laboral na empresa ordinaria.
Acceso ao Emprego Público
É importante destacar que o acceso das persoas con discapacidade intelectual ao emprego ordinario non é unicamente unha cuestión relacionada coa empresa privada. De feito, un dos principais retos aos que se enfrontan hoxe en día está relacionado co acceso ao emprego público, onde, a pesar do aumento no número de convocatorias específicas para o colectivo, estas continúan sendo aínda insuficientes.
Por outra banda, debemos ser conscientes de que o abano de persoas con discapacidade intelectual é moi amplo. Por tanto, esta realidade ten que ser tida en conta á hora de realizar estas convocatorias, que deberían introducir medidas de discriminación positivas nos requisitos das mesmas. Deste xeito, garantiríase a igualdade de oportunidades de todas as persoas con discapacidade intelectual no acceso ás prazas reservadas.
Así mesmo, tamén é necesaria unha flexibilización nos resto de criterios de acceso a estas prazas, pois, a pesar de que as persoas coa síndrome de Down son perfectamente capaces de realizar as tarefas encomendadas no posto de traballo e de superar os procesos selectivos, non poden acceder aos mesmos porque priman máis os requisitos mínimos, como pode ser unha titulación en Educación Secundaria Obrigatoria, que a traxectoria educativa da persoa.
Outros retos pendentes
Tras varios anos con números moi positivos no relativo a contratacións e melloras laborais, a crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19 supuxo un estancamento na situación do colectivo. E é que máis aló dos datos expostos anteriormente, atopámonos cun grupo de persoas usuarias de idade máis avanzada que contaban cun emprego indefinido estable e que agora, tendo en conta o envellecemento prematuro das persoas coa síndrome de Down, será complicado que poidan volver incorporarse ao mercado de traballo.
Por outro lado, este envellecemento prematuro, evidenciado xa en distintos estudos, achéganos unha nova realidade: a necesidade de anticipar a idade de xubilación das persoas coa síndrome de Down, tendo desta forma o dereito de optar á mesma no caso de ser necesario. Do mesmo xeito que en cuestións de saúde, as persoas maiores de 40 anos pertencentes ao colectivo deberían ser consideradas de forma similar ao grupo de poboación xeral de máis de 60 anos de idade e, por tanto, débese dar resposta ás necesidades relativas a esta etapa post-laboral.
20 anos coa metodoloxía Emprego con Apoio
Foi no ano 2002 cando as entidades Down en Galicia comezaron a desenvolver o programa Emprego con Apoio, deseñado para atender especificamente as necesidades e barreiras que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais atopan á hora de intentar acceder ao mercado laboral ordinario.
Este modelo baséase nun sistema estruturado de apoios e acompañamentos para guiar ás persoas demandantes de emprego a través de todo o proceso de inserción socio-laboral e asegurar a súa correcta incorporación ao posto de traballo. Deste xeito, as persoas que se incorporan a un novo emprego contan co apoio dun preparador ou preparadora laboral que se encarga de levar a cabo unha formación específica no propio posto de traballo, para que a persoa empregada poida ir adquirindo progresivamente unha adecuada execución das tarefas. O apoio tamén se centra na potenciación da interacción social cos compañeiros e compañeiras de traballo e na mediación na relación con eles para que se desenvolva de maneira positiva e natural.
Trátase, en definitiva, de prestar ás persoas con discapacidade intelectual os medios, os recursos e os apoios necesarios que faciliten a súa participación no mercado laboral da súa comunidade da mesma maneira que o resto de cidadáns e cidadás, favorecendo, deste xeito, a súa incorporación ou a súa estabilidade laboral e, de forma máis extensa, a súa inclusión social.
Avalada polos seus bos resultados, esta metodoloxía estase a consolidar como unha estupenda fórmula de inserción laboral para aqueles colectivos con máis dificultades á hora de atopar un traballo e supón unha alternativa idónea ás fórmulas de emprego protexido, baseadas nunha filosofía claramente asistencial e concibidas cun carácter instrumental e non como perpetradora do cambio nin como solución final ao problema.