O pasado mes de maio, coincidindo co día Mundial do Medio Ambiente, varios mozos e mozas do programa Ecofriendly21 da asociación Down Coruña desprazáronse ao CEIP Alborada cunha proposta ambiental moi atractiva e interactiva.
Propuxeron a 40 alumnos e alumnas de 2º de Primaria o reto de xogar á “Oca Ambiental” do programa Ecofriendly21, unha actividade repleta de probas e preguntas relacionadas co coidado do noso planeta.
Ao terminar o día, as persoas usuarias de Down Coruña fixeron entrega dun agasallo moi especial aos alumnos e alumnas do centro escolar: os “Eco-Retos”, elaborados con moita ilusión polas persoas participantes do programa.
Esta iniciativa foi posible grazas ao apoio de Vegalsa-Eroski, así como á implicación de todos os axentes educativos do CEIP Alborada.
O programa Ecofriendly21
Ecofriendly 21 é un proxecto de empregabilidade promovido pola Asociación Down Coruña, que pretende buscar e mellorar a inserción laboral de persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual. No programa participan persoas pertencentes ao colectivo que terminaron a súa etapa educativa e que requiren apoio para o seu acceso ao mercado laboral.
Esta formación teórico-práctica, cun total de 800 horas formativas, permite a obtención dunha certificación profesional privada de axente de acción ambiental.