Miguel Ángel, un mozo integrante do proxecto de Emprego con Apoio de Down Vigo, acaba de asinar un contrato indefinido na empresa de subministracións industriais Rodavigo tras un período inicial de tres meses. Trátase da segunda persoa da asociación cun contrato estable na corporación, o que consolida a colaboración entre ambas as entidades. Desta maneira, a empresa, con sede en Mos, pon en valor a súa aposta polo emprego inclusivo, estable e de calidade.
Miguel Ángel traslada que está “moi contento” e que aínda non o cre. É consciente de que na execución das súas tarefas durante o período inicial cometeu erros, aínda que “poño todo da miña parte para intentar mellorar todos os días”. O que máis lle gusta é “expedir pedidos” e subliña como punto forte a adaptación ás diferentes tarefas que desempeña: “non é algo que vaias facer todos os días igual, todos os días fas algo diferente”. Durante a súa experiencia os primeiros meses puido comprobar que “non é un traballo fácil, como todo na vida” aínda que si “entretido e diferente a outros traballos”, xa que aprende cada día cosas novas pola variedade de material que manexa.
Nazario Correa, Director Xeral de Rodavigo, destaca especialmente de Miguel Ángel “a súa actitude, con maiúsculas. Ao meu parecer é imprescindible para sacar adiante calquera proxecto, ben sexa persoal ou profesional”. Tal e como recoñece, “Miguel Ángel encaixou á perfección na gran familia Rodavigo”.
Miguel Ángel vive esta nova etapa laboral ilusionado, nunha empresa que para el é “unha pasada”. As súas metas son ser “máis rápido e eficaz” no seu traballo. Parabéns, Miguel Ángel!!