Down Vigo acaba de asinar un convenio de colaboración coa empresa Amazon Logistics, con sede no Porriño, co obxectivo de fomentar a inclusión laboral das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Grazas a este acordo, Carlos e Anxo, usuarios do programa de Emprego con Apoio da entidade, xa forman parte do persoal que traballa na nave do Porriño, e cuxa actividade principal é recibir, clasificar e distribuír a mercadoría destinada á provincia de Pontevedra.
Ambos desempeñarán as súas funcións na área de Rediness. As primeiras impresións son positivas, e ambos se mostran agradecidos pola oportunidade de demostrar a súa valía profesional no sector da loxística, clave no tecido empresarial da provincia.
Desde Down Galicia agradecemos a Amazon Logistic o seu compromiso coas persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e poñemos en valor a oportunidade de poder demostrar que a inclusión laboral na contorna ordinaria é posible.