Doce persoas usuarias de Down Ourense e Down Vigo están a participar nun programa universitario para o emprego e a vida autónoma da Universidade de Vigo. Este proxecto, financiado polo Plan Unidiversidad da Fundación ONCE, ten por obxectivo facilitar ao alumnado do mesmo competencias que melloren a súa autonomía, formación académica e preparación laboral como cidadás e cidadáns activos.
As clases comezaron o pasado 7 de novembro e estenderanse ata o vindeiro 30 de xuño, onde as persoas participantes traballarán durante 300 horas materias tales como matemáticas para a vida, inglés, finanzas ou arte e patrimonio, entre outras, permitindo así mellorar a súa empregabilidade e competencias sociolaborais, favorecendo desta maneira a súa inclusión social.
Unha vez rematada a formación académica, os mozos e mozas participantes realizarán 100 horas prácticas en empresas públicas e/ou privadas.
Este proxecto, que facilita que o alumnado participante aumente as súas posibilidades de acadar unha vida autónoma e independente, permite tamén que as persoas usuarias das entidades Down formen parte da comunidade universitaria.