24 Xaneiro, 2023

» Down Galicia reivindica o dereito a unha educación inclusiva no Día Internacional da Educación

 

Hoxe celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Educación, unha efeméride coa que neste 2023 Nacións Unidas pon o foco na necesidade de investimento nas persoas e a prioridade da educación. Aproveitando esta sinalada data, a Federación Down Galicia quere reivindicar novamente a importancia da construción dun modelo educativo inclusivo baseado nos principios de calidade, equidade, flexibilidade e respecto á diversidade.

As sociedades avanzadas deben estar dotadas de institucións capaces de garantir o dereito a unha educación inclusiva a toda a poboación, sen excluír a ningún individuo por ningunha causa. É dicir, deben garantir, sen condicións, a inclusión educativa nos centros ordinarios coa presenza, participación e aprendizaxe de todo o alumnado.

A educación inclusiva implica cambios para dar resposta ao modelo social de apoio e atención ás persoas con discapacidade fronte ao modelo rehabilitador existente. As persoas con discapacidade non son a raíz do problema, senón que o son as diferentes barreiras coas que se atopan e as limitacións da propia sociedade para prestar servizos apropiados e para asegurar adecuadamente que as necesidades das persoas con discapacidade sexan tidas en conta dentro do sistema educativo.

Por este motivo, desde hai 25 anos, a Federación Down Galicia loita para que todo o alumnado acceda á educación ordinaria e participe en igualdade de condicións, contando con apoios, modificando todo aquilo que sexa preciso e propoñendo solucións ás barreiras existentes.

Pero queda moito camiño por percorrer. Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, indica de forma tallante que “actualmente non existe a educación inclusiva” e amósase sorprendido “cos datos que publica a administración autonómica sobre o tema e que non son certos, xa que están a chamar educación inclusiva a algo que non o é”.

 

A educación inclusiva: un dereito fundamental

A educación é un dereito fundamental e facelo efectivo esixe garantir que todos os nenos e nenas, mozos e mozas teñan acceso a un sistema educativo de calidade en igualdade de oportunidades. Un sistema que recoñeza o valor da diferenza e apoie a todo o alumnado para conseguir o seu máximo desenvolvemento.

A Federación leva anos poñendo de manifesto que o sistema educativo español é discriminatorio coas persoas coa síndrome de Down e con outras discapacidades intelectuais e vulnera o establecido nos tratados internacionais.

O dereito a unha educación inclusiva está avalado pola Convención Internacional da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que no seu artigo 24 recoñece que “os Estados asegurarán un sistema de educación inclusivo a todos os niveis para as persoas con discapacidade”. Esta Convención foi ratificada en 2008 e aprobada por unanimidade polo Parlamento e é de obrigado cumprimento en España ao ter rango de tratado xurídico internacional de Dereitos Humanos.

 

A importancia das metodoloxías inclusivas e a prestación de apoios

O Movemento Down en Galicia leva anos insistindo na necesidade de abordar un cambio na metodoloxía de traballo, utilizando metodoloxías inclusivas nas aulas como o Deseño Universal da Aprendizaxe (DUA), a aprendizaxe por proxectos, a aprendizaxe cooperativa, ou a programación multinivel, entre outras, que eliminarían as barreiras existentes desde o primeiro momento.

Neste Día da Educación, a Federación Down Galicia e as súas entidades reclaman máis recursos públicos e máis implicación das administracións para que a escolarización inclusiva do alumnado con discapacidade sexa unha realidade e esíxenlle a estas últimas compromiso, claridade e concreción á hora de definir o que é a educación inclusiva.

Para conseguir unha verdadeira inclusión educativa é preciso contar con profesorado especialista suficiente, que dará apoio tanto a aquel alumnado con necesidades específicas de apoio educativo coma ao resto dos seus compañeiros e compañeiras, evitando deixar atrás a ningunha persoa por mor da súa discapacidade; pero tamén que o resto do profesorado se forme e empregue na aula metodoloxías que promovan a inclusión de todo o alumnado.

A vontade do profesorado e o seu inconformismo ante o sistema actual, que conta cuns recursos insuficientes e pouco planificados, non é suficiente para a consecución da inclusión nas aulas dos centros educativos.

 

O Punto Virtual de Educación de Down Galicia: un espazo de encontro

O pasado mes de novembro, a Federación Down Galicia renovou integramente o seu Punto Virtual de Educación, un espazo web que ten por finalidade apoiar ao profesorado galego no deseño dunha escola máis inclusiva e que busca favorecer a inclusión de todo o alumnado nas aulas e nos centros escolares e mellorar a coordinación e a colaboración entre os distintos axentes implicados no proceso educativo.

Este Punto Virtual de Educación incorpora información, materiais e documentación, facilitando así un recurso máis na atención á diversidade presente nas aulas. Por un lado, inclúe información sobre o servizo de inclusión educativa das entidades Down de Galicia e os conceptos clave nos que se fundamenta, así como tamén sobre as barreiras máis frecuentes que impiden e/ou dificultan a participación do alumnado coa síndrome de Down e discapacidade intelectual.

Por outra banda, identifica e orienta na importancia da accesibilidade dos materiais empregados e ofrece información sobre distintos enfoques e metodoloxías inclusivas que favorecen a aprendizaxe.

Tamén conta cun extenso apartado coas preguntas máis frecuentes sobre a inclusión na aula das persoas coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual e cun espazo con documentación fundamental para comprender a importancia da inclusión educativa.

Por último, ofrece un apartado para poder realizar consultas ou enviar información ao equipo de profesionais do servizo de educación da Federación, buscando deste xeito que sexa un espazo vivo e de intercambio, no que o profesorado tamén poida compartir as súas experiencias e materiais, enriquecendo este recurso.