A Consellería de Política Social e Xuventude vén de conceder á Federación Down Galicia unha axuda económica directa coa que facer fronte ao incremento do gasto de persoal nas entidades Down producido polas actualizacións salariais para o exercicio 2022, derivadas da aplicación do XV Convenio Colectivo Xeral de Centros e Servizos de Atención a Persoas con Discapacidade e da sentenza da Audiencia Nacional.
Grazas a esta achega garántese o mantemento dos servizos e programas postos en marcha pola Federación e as súas entidades membro para a promoción da autonomía persoal das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
O pasado mes de outubro, Down Galicia presentou unha solicitude de axuda para facer fronte aos gastos de persoal consecuencia da aplicación, con efectos dende o 01/01/2022, das actualizacións salariais derivadas do réxime salarial pactado no mencionado convenio, xa que este lle supuxo un impacto económico que non tiña capacidade de soportar sen contar co apoio financeiro da Xunta de Galicia.
A resposta chegou a finais do pasado mes de decembro, coa dotación de 270.000€ para a Federación Down Galicia e as súas entidades membro. O próximo obxectivo é lograr garantías a futuro da cobertura dos mencionados gastos consolidados.