O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI Galicia) esixiu garantir a efectividade da participación política das persoas con discapacidade e en igualdade de condicións, tal e como establece o artigo 23 da Constitución Española e para a que é necesaria a accesibilidade.
Así o reivindicaron o movemento social da discapacidade en España no seu manifesto para o Día Nacional da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, baixo o lema ‘Os asuntos públicos tamén son nosos’.
Trátase de que as persoas con discapacidade non sexan discriminadas en ningunha etapa do proceso electoral ou na vida política en xeral, e que reciban o mesmo trato e consideración que calquera outra persoa” menciona o documento. “É imprescindible asegurar que os procedementos, instalacións e materiais electorais sexan adecuados, universalmente accesibles e fáciles de entender e utilizar” sinala o documento.
Nesta efeméride, que se celebra cada 3 de maio desde que fose establecido oficialmente polo Consello de ministros en 2019, a proposta do propio CERMI lembra no seu manifesto que “a inclusión, o benestar e os dereitos das persoas con discapacidade deben construírse en conxunto e coas persoas con discapacidade, tal como sinala a Convención no seu Artigo 29 e a Constitución Española nos seus Artigo 9.2 e 23”.
Por iso, aproveitando a conxuntura electoral que vivirá o noso país este mes e o semestre de presidencia española na Unión Europea, no manifesto lémbrase que as persoas con discapacidade seguen atopando barreiras para a súa participación política en igualdade de condicións.
Desde o movemento social da discapacidade sinalaron que é un momento propicio para impulsar o recoñecemento ao dereito de sufraxio activo e pasivo de todas as persoas con discapacidade, lembrando que en moitos países da Unión Europea non se cumpre o mandato da Convención.
“Trátase de que as persoas con discapacidade non sexan discriminadas en ningunha etapa do proceso electoral ou na vida política en xeral, e que reciban o mesmo trato e consideración que calquera outra persoa”.
Ademais, no manifesto especifícase que “as persoas con discapacidade seguen invisibilizadas en termos de participación política. Hai diversos factores que dificultan a participación: o nivel educativo, as situacións de pobreza ou o maior risco de exclusión social. A todo iso hai que engadir tamén carencias de accesibilidade na participación e na comunicación das campañas pola falta de recursos e ferramentas que garantan a inclusión e participación das persoas con discapacidade”.
Neste sentido, no manifesto destácase que “unha sociedade democrática ten que impulsar a visibilidade de quen foi invisibilizados, ten que promover e manter a conversión en suxeitos activos de quen considerou tradicionalmente suxeitos pasivos, aínda que xa demostrasen non selo”.
Pola súa banda, no manifesto esíxese que a accesibilidade universal da información e a comunicación de programas electorais sexa tan importante como a accesibilidade dos espazos, colexios electorais, procedementos e materiais para garantir que este dereito sexa efectivo e universal para a cidadanía.
Doutra banda, afírmase no seu manifesto que “as mulleres con discapacidade seguen enfrontándose a maiores barreiras no camiño cara á participación política activa, como consecuencia dos efectos nocivos da intersección entre diferentes factores de exclusión”, xa que, colócaas nunha posición de maior vulnerabilidade e exclusión na participación política activa e que se enfronten a maiores barreiras no camiño cara a esa participación política activa.
Finalmente, as entidades esixiron que “se reitere a súa demanda ás formacións políticas para garantir a accesibilidade universal aos programas e campañas electorais”, e pediron que “as medidas sexan específicas e adaptadas ás necesidades e perspectivas das persoas con discapacidade, e cun compromiso firme para garantir a igualdade de oportunidades para todas as persoas”.
ACTIVIDADES
Desde CERMI Galicia celebrouse un encontro ás 12:00h con motivo do Día Nacional da Convención Internacional sobre os dereitos das persoas con discapacidade de Nacións Unidas 2023.
No acto participaron o presidente do CERMI Galicia, Luciano Fernández, e o delegado do goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, quen se encargou de clausurar o encontro. A lectura do manifesto correu a cargo de persoas con discapacidade de Galicia, concretamente, Cristina e Iván, persoas coa síndrome de Down usuarias da Fundación Down Compostela, e Antonio, persoa con dano cerebral, usuario da asociación compostelá Sarela.
Accede aquí aos manifestos en lectura fácil, en pictogramas e en lingua de signos.