A vindeira fin de semana celébrase en Madrid a Liga Española de Debate Universitario (LEDU) entre mozos e mozas con discapacidade intelectual, na que oito membros da asociación Down Ourense participarán para intentar alzarse co título de campións.
Tras a exitosa experiencia de 2022, na que varias persoas con discapacidade intelectual membros de Down Madrid participaron neste espazo de debate, este ano organízase a primeira edición de “Eu teño opinión”, na que competirán, ademais de Down Ourense, outros cinco equipos de toda España formados por persoas con esta discapacidade: Down Madrid 1, Down Madrid 2, Down Zaragoza, Down Granada e Down Valladolid.
O tema que se debaterá nesta ocasión centrarase en se é preferible mercar en comercios locais en lugar de en grandes plataformas en liña, unha cuestión de total actualidade e na que atopamos moita diversidade de opinións.
A competición desenvolverase en dos fases: unha de liguiña e a gran final. Na primeira delas, os seis equipos dividiranse en dous grupos. Tres deles estarán a favor do tema proposto e os outros tres defenderán a postura contraria. De cada grupo clasificarase o mellor equipo, que pasará á gran final.
“Eu teño opinión” vai dirixido a mozos e mozas con discapacidade intelectual e o seu obxectivo é visibilizar o seu talento para que poidan incluílo nos seus currículos para mellorar a súa inclusión no mercado laboral ordinario.
Que é a LEDU?
A liga Española de Debate Universitario é unha competición creada no ano 2000, que cada ano aglutina aos mellores oradores e oradoras do noso país.
2022 foi o primeiro ano en que persoas con discapacidade intelectual participaron neste evento, abrindo así unha porta máis á participación e a inclusión do colectivo.
A edición de 2023 celebrarase os días 17 e 18 de xuño en Madrid.