Hai uns días recibiamos unha estupenda noticia: a Federación Down Galicia será a entidade beneficiaria do coñecido Festival de la Luz neste ano 2023.
Este evento, creado por Luz Casal no ano 2012, nace como un festival familiar, comprometido co rural e de carácter solidario, no que edición tras edición a recadación acadada coa venda das entradas é entregada a unha ou varias entidades sociais.
Así, os días 25, 26 e 27 de agosto poderemos desfrutar en Boimorto de actuacións musicais do máis variadas: Heredeiros da Crus, Rayden, Vicco, Viva Suecia, Reincidentes, O’Funk’illo, The Real Mckenzies, Brothers in Band, Ladilla Rusa, Locomía, Luar na Lubre ou El Langui, entre máis de 30 artistas.
Para acompañar a música, o Festival da Luz contará cun mercado onde se poderán atopar produtos de artesanía, exposicións e actividades para todos os públicos ao longo do día. Ademais, o evento disporá dun gastroespazo, que reunirá a unha decena de cociñeiros de renome durante a fin de semana que elaborarán e explicarán en directo as súas receitas con produto local e de tempada, tendo o público máis afortunado a posibilidade de degustalas.
Outra dos acenos de identidade do festival é o seu carácter familiar, polo que o público infantil é o gran protagonista. Por iso, a cativada contará cunha zona exclusiva e un programa lúdico especialmente creado para ela, no que terán numerosas actividades, talleres, xogos tradicionais e ata un escenario que ofrecerá actuacións musicais, cantaxogos e outras moitas sorpresas.
O festival contará tamén con zona de aparcamento e acampada.
As entradas xa están dispoñibles na web do evento: www.festivaldelaluz.es
Aproveita esta oportunidade única de colaborar con Down Galicia desfrutando dunha fin de semana espectacular!
Desde a Federación Down Galicia damos as grazas ao Festival de la Luz por escoller á nosa entidade para ser a beneficiaria da recadación do evento.
Contigo podemos máis!