O pasado sábado pola mañá tivo lugar a XV Festa da Palabra na paraxe de Esgueva, en Madarnás, O Carballiño. Este encontro anual a prol da literatura e artes galegas estivo dedicado a Arcadio López-Casanova, histórico poeta e ensaísta lucense da xeración dos Novísimos que faleceu en abril do ano pasado. O evento acolle tamén os Premios Insua dos Poetas, nos que a Federación Down Galicia foi galardoada nesta edición na categoría de Acción Social.
O evento, organizado pola Fundación Insua dos Poetas cada mes de xullo, celebra a natureza, a literatura e as artes plásticas, pero tamén celebra a diversidade, a igualdade, a liberdade e o traballo doutras entidades ou persoas a través dos seus premios.
O xurado dos galardóns foi quen decidiu premiar “o importantísimo labor que a Federación Down Galicia está a realizar”. Deste xeito, Rafael Cabezas, membro da Xunta Directiva da entidade, foi a persoa designada a recoller o galardón xunto ao seu fillo Rafael, usuario de Down Ourense. Alén do recoñecemento, a Fundación entregou unha peza escultórica do ourensán Acisclo Manzano.
No resto de categorías, Concha Blanco, foi premiada na modalidade de literatura galega; o fotógrafo Xulio Xil, en creación artística; a Festa da Istoria, como iniciativa cultural e a Fundación Eira na modalidade de defensa do medio natural. Tamén se recoñeceu o papel da cultura galega no exterior, cos emigrantes en Buenos Aires Dora Pegito e José María Magoso. Como colectivo ou institución destacada do Carballiño, premiouse ó Club Deportivo Arenteiro.
Desde 2009, a Festa da Palabra homenaxeou á figura de distintos persoeiros como Ramón Piñeiro, Arturo Baltar, Xosé María Díaz de Castro, Celso Emilio Ferreiro, os poetas do Rexurdimento, Eduardo Blanco Amor, Francisco Luis Bernárdez, Pura e Dora Vázquez ou Carlos Casares, entre outros. Á listaxe súmase agora Arcadio López-Casanova, escritor, poeta e profesor de literatura que en 2012 foi elixido membro de honra da Real Academia Galega.
A Federación Down Galicia agradece publicamente á Fundación Insua dos Poetas e ao xurado dos premios o seu recoñecemento ao traballo que as entidades Down galegas desenvolven desde hai trinta anos nas catro provincias do país.