A presidenta de Teima, Patricia Serantes, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron a pasada semana un convenio de colaboración entre ambas entidades para cofinanciar o Servizo de Formación Sociolaboral e Emprego que leva a cabo a entidade Down.
O orzamento total do proxecto elévase ata os 113.544 euros, dos que a Deputación achega 39.823 euros, que supón o 35 % do financiamento.
Grazas a esta achega sufragaranse gastos de persoal e gastos xerais, como o arrendamento, a comunicación, o subministro de luz e auga, os seguros, o mantemento e os servizos de contratación externa como xestorías, protección de datos ou prevención de riscos.
O obxectivo da asociación na área de emprego é o de facilitar a inserción laboral das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais en empresas ordinarias. Nos últimos 20 anos acadaron resultados como a consecución de 96 contratos, un 70% de aprobados nas convocatorias de procesos selectivos de emprego público ou máis de 50 acompañamentos en formación da comunidade, entre outros.
Na actualidade, Teima atende a persoas usuarias da zona norte da provincia da Coruña, incluíndo os concellos de Ferrol, Narón, Fene, Mugardos, Pontedeume, Miño, As Pontes, Cariño, Cedeira, Valdoviño e Ares.