Samuel, Pedro e Luis, tres mozos usuarios de Down Coruña, puideron experimentar o que significa vivir de maneira independente durante uns meses. E é que desde principios de abril ata finais de xullo gozaron da súa primeira experiencia de convivencia de longa duración fora do fogar familiar.
Por fin, tras os ensinos de anos anteriores, puideron poñer en práctica nunha vivenda todo o aprendido: xestionaron os seus espazos, organizaron o seu tempo libre e conviviron cos seus compañeiros saíndo da zona de confort que lles outorgan as súas familias.
A pesar dos nervios iniciais, non tardaron moito en adaptarse á súa nova situación e conseguiron conciliar a súa vida laboral co seu novo fogar, facéndose cargo de distintas tarefas como facer a compra semanal, cociñar, poñer e recoller lavadoras ou xestionar o seu tempo, entre outras. En definitiva, conseguiron levar con éxito unha vida completamente independente.
Profesionais da asociación Down Coruña estiveron acompañándoos neste paso inicial para que poidan seguir o seu camiño cara a outras experiencias nun futuro, como pode ser vivir de maneira autónoma no fogar familiar ou, quizais, no seu propio fogar.
Foron uns meses motivadores, gratificantes e cheos de aprendizaxes, experiencias, risas e afianzamento da súa identidade libre de estereotipos. Parabéns, rapaces!