A Federación Down Galicia vén de actualizar a súa guía informativa sobre lectura fácil co obxectivo de promover a inclusión das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Este documento, sinxelo e explicativo, pode servir de axuda a todas aquelas persoas que queiran realizar materiais de fácil comprensión, que non só son útiles para as persoas con discapacidade intelectual, senón tamén para persoas con trastornos da aprendizaxe, dislexia, senilidade ou persoas migrantes, cunha incorporación tardía á lectura ou cunha escolarización deficiente, entre outras.
Nas súas páxinas poderemos atopar normas xerais para a elaboración de materiais de lectura fácil, criterios de lexibilidade, criterios de comprensión, pautas para a elaboración ou adaptación de materiais, consellos e recomendacións, así como bibliografía relacionada ou páxinas web de interese.
Consulta a guía pinchando nesta ligazón.
Que é a lectura fácil?
A lectura fácil é a metodoloxía que se utiliza para facilitar o acceso á información a todas aquelas persoas que teñen unha capacidade de comprensión lectora máis baixa. Trátase de redactar a información con frases sinxelas, curtas e directas. Non se trata de eliminar información, senón de facela máis comprensible.
É necesario un maior impulso e concienciación sobre o uso da lectura fácil para avanzar de xeito real cara a unha sociedade que inclúa a todas as persoas, posto que unha sociedade inclusiva de verdade deber facilitar que todos os seus membros poidan acceder a todas as áreas de coñecemento e participación.