O Servizo de Orientación Laboral de Down Galicia acumulou no pasado período 1.587 accións de orientación para un total de 249 persoas en busca activa de emprego. O balance está encadrado entre febreiro de 2022 e xaneiro de 2023, no caso das profesionais de orientación das provincias de A Coruña e Pontevedra, e de agosto de 2022 a agosto de 2023 da profesional que da servizo ás provincias de Lugo e Ourense.
As accións de orientación realizadas van encamiñadas a facilitarlle estratexias e recursos axeitados ás persoas inscritas na bolsa de demandantes do Servizo de Orientación de Down Galicia, de xeito que a súa busca activa de emprego sexa máis efectiva. Os grandes grupos de accións de orientación laboral compóñense de entrevistas personalizadas (1006), sesións grupais (219) e entrevistas fóra de axenda (77), co obxectivo de dar resposta ás necesidades das persoas demandantes de emprego en función do seu perfil profesional.
Por outra banda, tamén se levaron a cabo 33 itinerarios personalizados de inserción e se mantiveron reunións ou entrevistas telefónicas coas familias, chegando a un total de 138 nos meses analizados. Ademais de 113 visitas e contactos con entidades públicas e privadas, así como 1 a unha empresa de ámbito autonómico. Finalmente, este labor desenvolveuse grazas á coordinación co persoal técnico de Emprego das entidades Down e o equipo de Down Galicia, cun total de 220 reunións.
O servizo conta con persoal técnico especializado e realiza as súas actuacións nas principais cidades galegas. Para iso, conta con tres orientadoras laborais, que prestan servizo itinerante desde os tres centros de traballo, situados en Santiago de Compostela, Vigo e Ourense, para dar cobertura á provincia de A Coruña -Ferrol, A Coruña, e Compostela-; á provincia de Pontevedra -Pontevedra e Vigo-; e ás provincias de Ourense e Lugo -ambas cidades-, respectivamente.
O Servizo de Orientación Laboral de Down Galicia é centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, tendo competencias en materia de modificación de datos e actualización dos currículos das persoas demandantes derivadas á entidade. Durante o período referenciado, este servizo foi financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.