O Tribunal Supremo estableceu o “carácter vinculante e obrigatorio” dun ditame da ONU que recoñece o dereito á educación inclusiva de Rubén Quella, mozo leonés coa síndrome de Down, que en 2011 foi excluído da escola ordinaria e só se lle ofreceu ir a un centro especial.
Así se recolle nunha sentenza da Sección Carta da Sala do contencioso-administrativo do Supremo, que foi acordada polo voto favorable de catro maxistrados e o rexeitamento doutro. Nesta resolución establécese que “non pode privarse de efecto” o ditame” da ONU que en 2020 declarou a España responsable de vulnerar os dereitos deste menor e instoulle a tomar medidas reparadoras.
“Estamos felices. Despois de tantos anos, por fin se recoñece o dereito á dignidade de Rubén, e o seu dereito fundamental a unha educación inclusiva que lle foi negado durante anos”, explica Alejandro Calleja, pai de Rubén, en declaracións a Down España. Doutra banda, Calleja afirma que “esta sentenza é o recoñecemento do dereito á educación inclusiva en España, á Convención Internacional das Persoas con Discapacidade e aos dereitos que recoñece a propia Constitución Española, que no caso de Rubén vulneráronse sistematicamente. O máis importante é que senta un precedente e crea xurisprudencia e que se beneficiará diso aqueles que veñan detrás”, engade.
Doutra banda, a Federación estatal tamén conversou co avogado experto en educación inclusiva que levou este caso, Juan Rodríguez Zapatero. “Esta sentenza é unha chamada de atención urxente ao conxunto dos poderes públicos e sinala a necesidade urxente de que se adopten todas as medidas necesarias para adaptar a lexislación educativa á Convención”.
“A sentenza do Tribunal Supremo ten un alcance importante porque sinala que os ditames do comité das Nacións Unidas son a partir de agora vinculantes a nivel xurídico. O comité ditaminou no seu día que no caso de Rubén houbo unha lesión de dereitos fundamentais, e agora o alto tribunal emitiu unha sentenza que os avala”, explica.
Para o xurista, esta sentenza “reforza a Convención das Persoas con Discapacidade, e marca o camiño para que calquera persoa ou familia que vexa os seus dereitos fundamentais vulnerados acuda ao comité da Convención”. Iso si, a pesar da importancia da sentenza, segundo explica o experto, se non cambia a lexislación e unha familia ve vulnerado o dereito do seu fillo ou filla a unha educación inclusiva, tería que esgotar todas as instancias xudiciais antes de recorrer ao Comité, un camiño que podería levar máis dunha década.
Para o avogado “non se trata de que as familias sexan heroes e se sacrifiquen como a familia de Rubén, senón de que se reforme dunha vez por todas o sistema educativo para adaptalo á Convención e así garantir o dereito a unha educación inclusiva de todo o alumnado”.
Tamén é importante salientar que esta nova sentenza do Tribunal Supremo non cuestiona as anteriores sentenzas, xa que non foron revisadas. O que recalca é que non se adoptaron as medidas de eficacia para protexer a un menor que foi discriminado pola súa discapacidade.
Para Rodríguez Zapatero, “o Estado español non actuou como debía. Vulnerou o dereito á educación inclusiva de Rubén. Agora o camiño é claro e non podemos mirar para outro lado. É un feito palpable que España non está a cumprir a Convención e é necesaria unha reforma do sistema educativo”.
Sobre a necesaria reforma, o experto apunta que “debería chegar canto antes porque é unha esixencia que non só debería ser das familias de persoas con discapacidade, senón de toda a sociedade. Fai falta xa unha lei de inclusión educativa e un consenso de todos os partidos políticos porque falamos dun dereito fundamental. Hai que esixir que o Estado cumpra co seu deber”.