O Padroado da Fundación Down Compostela acordou por unanimidade recoñecer o traballo que veñen realizando Ofelia Vieites García, El Corte Inglés Santiago de Compostela e o instituto estradense Antón Losada Diéguez concedéndolles os Premios Down Compostela 2024 por facilitar a inclusión laboral e educativa das persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual.
Os galardóns entregaranse hoxe, 20 de marzo, na gala que se celebrará no Hostal dos Reis Católicos e na que as persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual volverán ser as protagonistas, xa que presentarán o acto e entregarán a escultura de Cándido Pazos que simbolizan estes premios, que celebran a súa undécima edición. O acto comezará ás 20.30 horas para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra ao día seguinte tras a decisión da ONU de dedicar o 21/3 ás persoas con Trisomía 21 dende o ano 2012.
Premios Down Compostela 2024
Ofelia Vieites García
Polo compromiso e apoio incondicional que dende o ano 2015 ven realizando para facilitar o desenvolvemento nas instalacións de Viveiros Compostela das prácticas dos cursos de formación que promoven na Fundación. Coa súa calidade e calidez, favorece a inclusión e a participación das persoas usuarias da Área de Formación e Emprego de Down Compostela nos diferentes departamentos da empresa, facilitándolles a posterior incorporación ao mercado laboral ordinario.
Ofelia destaca pola súa empatía, tendendo a man sempre en positivo para facer que a estancia en Viveiros Compostela sexa unha experiencia de aprendizaxe útil; con dinamismo e vontade de mellora continuada, sendo todo un exemplo para facilitar oportunidades de crecemento persoal e profesional.
El Corte Inglés de Santiago de Compostela
Pola súa confianza e forte compromiso coa inclusión laboral de persoas coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual, contribuíndo a visibilizar as súas capacidades e habilidades así como normalizar un dereito universal: o dereito ao traballo.
A súa política corporativa de Recursos Humanos levounos a incorporar en 2022 a Paula Fernández, Irene Rodríguez-Toubes e a Jacobo Dopazo e, en 2023, a Angélica Gontán. Paula, Irene e Jacobo presumen hoxe de ter un contrato indefinido. Os catro demostraron que con valentía e perseverancia é posible conseguir e manter un posto de traballo.
Orgullosos da súa empresa e dispostos a aprender e mellorar profesionalmente cada día, conseguiron ser un exemplo para compañeiros e compañeiras, amizades, familiares e a sociedade en xeral.
El Corte Inglés de Santiago de Compostela sabe xerar alianzas que promoven a inserción laboral das persoas coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual e crer nas súas posibilidades.
IES Antón Losada Diéguez
No IES Antón Losada saben como poñer o foco no contexto educativo e non nas dificultades da persoa, como puideron comprobar Sara Romero, no seu momento, e agora Fabián de Paz, nas aulas de formación profesional.
Este centro da Estrada favorece que o alumnado con necesidades educativas desenvolva as súas capacidades e habilidades ao máximo para conseguir unha calidade de vida digna. O equipo docente sabe que é necesario instaurar novas metodoloxías educativas e cambiar estruturas para fomentar unha inclusión real.
Entender que detrás do alumnado coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual hai soños, ilusións e capacidades é o primeiro paso para que o sistema educativo sexa realmente accesible e inclusivo.
No IES Antón Losada as persoas con discapacidade contan.