Mediante unha achega de 30.000 euros, a Fundación ”la Caixa” colabora co proxecto de Down Galicia “Emprego con apoio: Talento profesional de persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual”. Esta axuda enmárcase na Convocatoria Galicia 2023, que ten por finalidade facilitar a inserción laboral e a mellora da empregabilidade das persoas máis vulnerables, promovendo proxectos dirixidos á mocidade, a persoas con discapacidade ou trastorno mental e a persoas en risco de exclusión social.
Grazas a esta colaboración, 94 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais en idade laboral de toda Galicia beneficiáronse, na intensidade que requiran as súas necesidades, de accións de valoración e orientación para o emprego, información, asesoramento, apoio e acompañamento no posto de traballo, adestramento en habilidades e desprazamentos, entre outras.
O obxectivo principal deste proxecto é facilitar a inclusión socio-laboral das persoas con discapacidade intelectual no mercado de traballo ordinario, garantindo todos os apoios que a persoa, familia e a empresa precisan.
E que as persoas con discapacidade, sobre todo con discapacidade intelectual, atópanse con infinidade de barreiras para acceder a un posto de traballo ordinario, atopándose a maioría delas nunha situación de inactividade. Por tanto, con este proxecto búscase que o mercado de traballo deixe de ser un espazo excluínte para converterse nun ámbito onde as persoas con discapacidade intelectual poidan exercer o seu dereito para desempeñar o seu labor en calquera posto de traballo, demostrando a súa capacidade e competencia como profesionais.