A Asociación Down Ourense presentou a semana pasada na sede da Deputación Provincial o seu calendario solidario 2025, que xa se pode adquirir en diversos puntos da cidade.
Nesta edición, a asociación contou coa colaboración do Club Burgas Atletismo Ourense e do fotógrafo Emilio Romanos Castiñeira, que inmortalizou coa súa cámara divertidos momentos entre os e as atletas do club e as persoas usuarias da asociación na Pista de Atletismo do Campus Universitario de Ourense. Ademais, pola súa parte, a Deputación de Ourense colaborou un ano máis sufragando a impresión dos calendarios.
No acto de presentación do almanaque, que tivo lugar na Sala de Prensa da Deputación, participaron a deputada provincial de Políticas Sociais, Patricia Torres Madureira; a vicepresidenta da Asociación Down Ourense, María del Mar Prieto Fortes; e o fotógrafo, Emilio Romanos Castiñeira.
Na súa intervención, María del Mar Prieto destacou a importancia desta iniciativa e resaltou que “esta iniciativa representa para Down Ourense non só unha fonte de financiamento crucial, senón tamén unha vía fundamental para visibilizar ás persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais”. Tamén quixo agradecer “a todas as persoas que, de forma altruísta, fixeron posible este calendario” e aproveitou a súa intervención para recordar que “todos os beneficios destinaranse integramente aos programas de autonomía persoal que desenvolvemos na nosa asociación”.
Este ano a tirada será de 400 exemplares: 200 calendarios de parede e 200 calendarios de mesa. Todos eles terán un prezo de 5€ e os beneficios obtidos coa súa venda irán destinados integramente ós programas de promoción da autonomía persoal que se levan a cabo en Down Ourense e que, actualmente, dan servizo a 96 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e ás súas familias.
Aquelas persoas que así o desexen, poderán adquirir o seu calendario solidario na propia asociación (Rúa Francisco Huerta Vega, s/n) e na tenda Angelo Milano (Rúa do Paseo, 30).