Tras a presentación da obra “La Magia de las Emociones” en 2023, a asociación Down Vigo presenta este ano “La Magia de la Vida”.
O vindeiro xoves 5 de decembro, ás 20:00 horas, os grupos que asisten ao servizo de Musicoterapia da entidade subiranse ao escenario dirixidos polo técnico de Inclusión Educativa Erick Alexander Corrente. A cita será no Auditorio municipal do Concello de Vigo e promete ser inesquecible.
Para asistir será imprescindible adquirir unha das entradas que xa están dispoñibles na sede de Down Vigo (C/Portela, 48), en horario de mañá e tarde (de 09:00h a 19:00h). O aforo do auditorio é limitado, polo que en caso de non ter entrada non se poderá acceder. Ademais, o día do evento a asociación permanecerá pechada en horario de tarde.
Como foi “La Magia de las Emociones”
Sorpresa, medo, vergoña, prexuízo, culpa, tristeza, orgullo, enfado, calma, noxo, amor e alegría. E moita música. Con todos estes ingredientes, Down Vigo poñía 2023 a flor de pel no auditorio S.C.D.R Helios de Bembrive.
Durante aproximadamente unha hora, as case 50 persoas de todas as idades que asisten ao servizo de Musicoterapia da asociación actuaron para un público disposto a deixarse sorprender. A obra representada centrouse en expresar as emocións a través das artes. Disciplinas como a danza contemporánea, a expresión corporal, a música e o teatro son os medios para facer chegar ao público a emoción coa que se quere xogar en cada escena. O proceso creativo desta obra é o resultado dos talleres de comprensión das emocións.
Durante meses, a entidade preparou un evento escenográfico no que as emocións foron o fío condutor dunha secuencia de escenas protagonizadas por persoas adultas e máis pequenas do servizo de Musicoterapia, así como por parte do equipo profesional da entidade. Durante as sesións semanais, as persoas participantes deseñaron tanto o guión como a posta en escena, dando orixe ao Proxecto Proteus.