Varias persoas representantes da Federación Down Galicia viaxarán a vindeira semana a Viseu (Portugal), onde, entre outras actividades, terá lugar a primeira reunión online internacional do proxecto europeo ARISE, unha iniciativa Erasmus+ que busca fortalecer a inclusión social do alumnado con discapacidade e mellorar as competencias dentro das comunidades educativas en Europa. Ademais de Down Galicia, participan neste proxecto a Fondazione per la Coesione Sociale (Italia), a Associação Grão Vasco (Portugal) e a consultora Limeup (Italia).
Así, o vindeiro xoves 23 de xaneiro ás 18:30h (hora española) as entidades participantes neste proxecto bianual cofinanciado pola Comisión Europea, organizan este primeiro encontro online internacional no que profesorado, familias, alumnado e representantes institucionais se reunirán para intentar promover unha educación máis xusta e inclusiva para o alumnado europeo con necesidades educativas específicas.
Este evento, aberto á participación de toda a comunidade educativa, representa unha oportunidade única para compartir mellores prácticas, discutir desafíos emerxentes e definir unha folla de ruta para o futuro da educación inclusiva.
Análise de necesidades: ideas clave como punto de partida
Tras realizar máis de 120 enquisas a profesorado, autoridades públicas e familias dos tres países participantes no proxecto, as entidades organizadoras completaron recentemente unha análise integral de necesidades, que detalla polo miúdo os desafíos críticos na educación inclusiva en toda Europa:
Por un lado, as persoas enquisadas en Italia destacan dous problemas fundamentais no sistema educativo do seu país: a falta de diálogo entre o profesorado xeral e o de apoio, feito que frecuentemente obstaculiza a inclusión do alumnado con necesidades específicas, e a falta de itinerarios post-escolares para o alumnado con discapacidade, o que ten consecuencias negativas para a autonomía e a inclusión social.
Por outro lado, as enquisas realizadas en Portugal fan fincapé en que a pesar de que o país está avanzado en termos de lexislación, aínda persisten desafíos na implementación práctica de medidas personalizadas para o alumnado con dificultades cognitivas e sensoriais. Ademais, tamén inciden en que as aulas adoitan estar superpoboadas, con máis de catro estudantes con necesidades específicas de apoio educativo, o que dificulta a implantación desas estratexias a medida.
Por último, en España reflíctese claramente a diferencia na aposta das administracións pola inclusión educativa, xa que mentres que en Italia e Portugal os centros de educación especial (CEE) non teñen cabida, no noso país o sistema educativo mostra unha clara tendencia á segregación, con máis de 41.000 estudantes con discapacidade aínda matriculados en centros educativos específicos, a pesar do obxectivo lexislativo de lograr unha educación inclusiva para 2031. Ademais, as respostas das persoas participantes no estudo evidencian unha falta de conciencia entre o profesorado sobre o valor da diversidade, xa que moitos deles perciben a inclusión como un obstáculo para o rendemento na clase.
Para afondar máis nos resultados desta análise e sentar as bases dos pasos que se deben dar para implantar verdadeiramente a inclusión educativa nas aulas europeas, a Federación Down Galicia convida a todas as persoas interesadas a participar neste primeiro encontro online internacional. Para anotarse, simplemente teñen que inscribirse de xeito gratuíto na seguinte ligazón: https://forms.gle/vNwHAZvHKQFEvtB69
Esperámosvos!