A través dun convenio de colaboración, a Consellería de Sanidade vén de colaborar con Down Galicia durante o ano 2024 na pilotaxe dunha ferramenta dixital que avalía o envellecemento da poboación con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. O acordo permitiu achegar ao proxecto unha axuda de 10.000 euros para o seu desenvolvemento.
O convenio de colaboración tivo por obxecto a realización, por parte da Federación, dun programa de pilotaxe dunha batería de test dixitais para cubrir diferentes ámbitos da memoria e capacidades cognitivas especificamente adaptadas ás persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual. Down Galicia foi a responsable técnica e administrativa da xestión do programa obxecto do convenio.
Para a sinatura e avance no traballo conxunto entre o departamento da Xunta de Galicia e a Federación, no mes de xullo mantívose unha reunión entre o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; a secretaría xeral técnica, Natalia Lobato; o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva; xunto co presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, e a súa xerente, Sonia Caldas.
Esta iniciativa enmárcase no proxecto para a atención sanitaria no proceso de envellecemento das persoas coa síndrome de Down, que resultou finalista na IV edición dos Premios de Innovación en Saúde que organiza a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo dependente da Consellería de Sanidade.