A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski, xunto co seu socio Grupo Eroski, fixeron posible ao longo do 2024 o proxecto “Unha escola para tod@s: Apoio á inclusión educativa de persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual” de Down Galicia grazas aos 9.643,88 euros recadados no seu programa ‘Céntimos Solidarios’ do mes de febreiro.
A través desta iniciativa, as e os clientes de Vegalsa-Eroski doaron unha pequena cantidade á defensa dos dereitos educativos das persoas con discapacidade ao pagar a súa compra con tarxeta ou co móbil. A achega, sempre voluntaria e confidencial, é unha cantidade simbólica de 10 céntimos para compras entre 5 e 30 euros, e de 20 céntimos para compras superiores a 30 euros.
Grazas a esta colaboración, 132 cativos e cativas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais de 103 centros educativos de toda Galicia contaron cunha serie de apoios encamiñados a alcanzar o maior grao de desenvolvemento e autonomía posible a través da dinamización de experiencias educativas de calidade na súa escolarización.
O obxectivo principal deste proxecto é promover e facilitar, de forma coordinada cos centros educativos, a inclusión escolar do alumnado con discapacidade intelectual na escola ordinaria, potenciando ao máximo o seu desenvolvemento cognitivo, social e persoal a través de recursos e metodoloxías educativas optimizadoras dos procesos de aprendizaxe.
A educación inclusiva: un dereito fundamental
As sociedades avanzadas deben estar dotadas de institucións capaces de garantir o dereito a unha educación inclusiva a toda a poboación, sen excluír a ningún individuo por ningunha causa. É dicir, deben garantir, sen condicións, a inclusión educativa nos centros ordinarios coa presenza, participación e aprendizaxe de todo o alumnado.
A educación inclusiva implica cambios para dar resposta ao modelo social de apoio e atención ás persoas con discapacidade fronte ao modelo rehabilitador existente. As persoas con discapacidade non son a raíz do problema, senón que o son as diferentes barreiras coas que se atopan e as limitacións da propia sociedade para prestar servizos apropiados e para asegurar adecuadamente que as necesidades das persoas con discapacidade sexan tidas en conta dentro do sistema educativo.
Por este motivo, desde hai 25 anos, a Federación Down Galicia loita para que todo o alumnado acceda á educación ordinaria e participe en igualdade de condicións, contando con apoios, modificando todo aquilo que sexa preciso e propoñendo solucións ás barreiras existentes. A entidade leva anos poñendo de manifesto que o sistema educativo español é discriminatorio coas persoas coa síndrome de Down e con outras discapacidades intelectuais e vulnera o establecido nos tratados internacionais.