O 24 de xaneiro celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Educación, unha efeméride coa que Nacións Unidas quere neste 2025 que a sociedade reflexione sobre o poder da educación para dotar ás persoas e ás comunidades dos medios necesarios para navegar, comprender e influír nos avances tecnolóxicos.
Esta xornada pretende, entre outros obxectivos, mobilizar aos Estados Membros e aos asociados para que manteñan a educación no máis alto das súas axendas políticas e cumpran os seus compromisos do Cumio sobre a Transformación da Educación e a axenda Educación 2030.
Aproveitando esta sinalada data, a Federación Down Galicia quere reivindicar novamente a importancia da construción dun modelo educativo inclusivo baseado nos principios de calidade, equidade, flexibilidade e respecto á diversidade, así como do emprego das metodoloxías inclusivas e a prestación de apoios.
Para conseguir unha verdadeira inclusión educativa é preciso contar con profesorado especialista suficiente, que dará apoio tanto a aquel alumnado con necesidades específicas de apoio educativo coma ao resto dos seus compañeiros e compañeiras, evitando deixar atrás a ningunha persoa por mor da súa discapacidade; pero tamén que o resto do profesorado se forme e empregue na aula metodoloxías que promovan a inclusión de todo o alumnado.
A vontade do profesorado e o seu inconformismo ante o sistema actual, que conta cuns recursos insuficientes e pouco planificados, non é suficiente para a consecución da inclusión nas aulas dos centros educativos.
En palabras de Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, “queda moito camiño por percorrer”. Prieto indica de forma tallante que “estase chamando inclusión educativa a algo que non o é”, xa que non se pode considerar incluído a un alumnado que pasa as súas horas lectivas nunha aula específica, independentemente de que o centro educativo sexa ordinario”. Ademais, o presidente de Down Galicia insiste en que “a inclusión educativa implica participación e aprendizaxe e non unicamente presencialidade”.
A educación inclusiva: un dereito fundamental
As sociedades avanzadas deben estar dotadas de institucións capaces de garantir o dereito a unha educación inclusiva a toda a poboación, sen excluír a ningún individuo por ningunha causa. É dicir, deben garantir, sen condicións, a inclusión educativa nos centros ordinarios coa presenza, participación e aprendizaxe de todo o alumnado.
A educación inclusiva implica cambios para dar resposta ao modelo social de apoio e atención ás persoas con discapacidade fronte ao modelo rehabilitador existente. As persoas con discapacidade non son a raíz do problema, senón que o son as diferentes barreiras coas que se atopan e as limitacións da propia sociedade para prestar servizos apropiados e para asegurar adecuadamente que as necesidades das persoas con discapacidade sexan tidas en conta dentro do sistema educativo.
A educación é un dereito fundamental e facelo efectivo esixe garantir que todos os nenos e nenas, mozos e mozas teñan acceso a un sistema educativo de calidade en igualdade de oportunidades. Un sistema que recoñeza o valor da diferenza e apoie a todo o alumnado para conseguir o seu máximo desenvolvemento.
Por este motivo, desde hai máis de 25 anos, a Federación Down Galicia loita para que todo o alumnado acceda á educación ordinaria e participe en igualdade de condicións, contando con apoios, modificando todo aquilo que sexa preciso e propoñendo solucións ás barreiras existentes. A entidade leva anos poñendo de manifesto que o sistema educativo español é discriminatorio coas persoas coa síndrome de Down e con outras discapacidades intelectuais e vulnera o establecido nos tratados internacionais.
O dereito a unha educación inclusiva está avalado pola Convención Internacional da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que no seu artigo 24 recoñece que “os Estados asegurarán un sistema de educación inclusivo a todos os niveis para as persoas con discapacidade”. Esta Convención foi ratificada en 2008 e aprobada por unanimidade polo Parlamento e é de obrigado cumprimento en España ao ter rango de tratado xurídico internacional de Dereitos Humanos.
Actuacións na busca dunha verdadeira inclusión educativa
A pasada semana, o presidente da Federación Down Galicia, Delmiro Prieto González, reuniuse en Madrid con Secretario de Estado de Educación, Abelardo de la Rosa, para trasladarlle de primeira man a situación educativa en Galicia e achegarlle as nosas demandas no relativo á educación inclusiva.
Por outra banda, a Federación Down Galicia presentou o pasado ano un novo recurso contencioso-administrativo contra a orde da Consellería de Educación pola que se convocan as axudas para adquirir libros de texto e material escolar, nesta ocasión á relativa ao curso escolar 2024/25, por considerala discriminatoria co alumnado que aposta pola educación inclusiva, xa que vulnera claramente os seus dereitos fundamentais.
A pesar de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deu a razón á Federación ao considerar discriminatoria a normativa referente ao curso escolar 2023/2024, obrigando á Xunta de Galicia a tomar medidas que eliminen a discriminación existente na normativa ao declararse nulos os apartados 2 e 3 do artigo 2 da mencionada orde, a administración autonómica publicou a actual orde nos mesmos termos que a anterior. Por iso, ante esta situación, a Federación optou por volver a presentar un novo recurso contencioso-administrativo.
A diferencia de trato entre o alumnado que escolle a educación inclusiva e o que prefire a específica non ten razón de ser, xa que non está xustificada. Estase, por tanto, discriminando sen motivo o dereito do propio alumnado a recibir os axustes razoables necesarios e condicionando o acceso á educación inclusiva.