Down Coruña comeza o ano 2025 cunha extraordinaria noticia desde a súa área de Formación e Emprego. Juan Santos, participante do Programa de Emprego con Apoio, conseguiu un contrato indefinido en AIN Empresa de Servizos para a Construción S.L.U., na que desempeña un posto de limpeza de luns a venres.
Esta contratación laboral é o resultado dun proceso exemplar de colaboración entre empresa e entidade. AIN contactou con Down Coruña expresando o seu interese específico en incorporar a unha persoa coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual ao seu equipo. “Cada nova contratación representa un paso máis cara á inclusión laboral, demostrando que as persoas coa síndrome de Down poden desenvolver carreiras profesionais de éxito cando se lles brinda a oportunidade”, destaca María José España, responsable do programa de Emprego con Apoio de Down Coruña.
A iniciativa xurdiu grazas a unha traballadora de AIN que, na súa experiencia profesional anterior, compartira equipo con outro mozo de Down Coruña. A súa experiencia positiva motivouna a propoñer esta nova oportunidade de contratación inclusiva.
Tras analizar detalladamente o posto e os requirimentos da oferta, o equipo de Down Coruña identificou a Juan como o candidato idóneo, considerando a súa traxectoria, experiencia e habilidades laborais. Durante un período de formación práctica, Juan demostrou a súa capacidade para asumir as responsabilidades do posto, familiarizándose coas tarefas, os desprazamentos e o equipo de traballo. De feito, actualmente Juan xa non precisa do apoio da súa preparadora laboral, manexándose perfectamente só.
“Tanto Juan como a súa familia e toda a entidade, estamos enormemente ilusionados con esta incorporación, que unha vez máis demostra á sociedade que a inclusión laboral de persoas con síndrome de Down é posible e é real”, sinalan desde o equipo de Down Coruña.
Desde Down Galicia sumámonos a Down Coruña expresando o noso agradecemento a AIN polo seu compromiso coa inclusión laboral e a súa confianza no noso programa de Emprego con Apoio. Esta contratación reforza o valor do traballo que realizan as entidades Down a través dos seus diferentes programas, que contribúen día a día a crear unha sociedade máis inclusiva e a xerar novas oportunidades laborais para as persoas con síndrome de Down.
Fito no programa de Emprego con Apoio de Down Ourense
Por outra banda, as persoas usuarias das nosas entidades continúan derrubando mitos relacionados co desempeño da súa vida laboral.
E é que a finais do pasado mes de xaneiro, Lucía, usuaria de Down Ourense e traballadora da consultora Ingade S.L., deu un paso máis dentro da súa empresa, empezando a teletraballar durante algunhas das súas xornadas de traballo.
Conseguir chegar a este punto é froito de moito traballo, evolución e, sobre todo, da implicación de todas as partes.
Parabéns, Lucía!