Tras trece anos de experiencia laboral como profesional de limpeza, Alberto, un mozo membro da asociación Down Vigo, aventurouse ante un novo reto profesional: cambiar de sector.
Así, desde finais de novembro, traballa nun centro Eroski S. Coop., o máis grande que a corporación ten en Galicia, onde as súas funcións consisten en repoñer e colocar os produtos nos lineais do supermercado. O seu contrato, de luns a sábado e en xornada parcial, ten unha duración dun ano.
Desta forma, a empresa volve demostrar a súa confianza na metodoloxía de Emprego con Apoio.
Tras as primeiras semanas, Alberto non dubida: está contento co traballo. Destaca a amabilidade coa que o tratan as súas compañeiras e encargadas, coas que se leva ben, e indica que se sente cómodo na empresa.
Con esta reciclaxe profesional, Alberto demostra determinación e autonomía, afrontando o reto de aprender un novo posto de traballo, nunha empresa dun sector descoñecido para el. É o mellor exemplo de que calquera adversidade pode converterse nunha oportunidade, sobre todo ante unha perspectiva laboral incerta. Por parte da empresa, a valoración desta incorporación laboral tamén é moi positiva.
Ao futuro, Alberto pídelle seguir aprendendo, ter máis experiencia e continuar mellorando no seu novo traballo. Estamos seguros de que co seu esforzo, tesón e ilusión logrará as súas metas.
Desde Down Galicia sumámonos a Down Vigo e agradecemos a Eroski S. Coop. o seu compromiso coa inclusión laboral das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.