Desde inicios do mes de febreiro, Iván, Carlos e José Manuel, tres membros da asociación Down Coruña, están a gozar da experiencia de vivir de forma independente nunha vivenda compartida.
Cada un deles compatibiliza esta nova vivencia co desempeño do seu traballo en empresas ordinarias da cidade. No caso de Iván e Carlos, no coñecido Quiosco Down Experience, e no caso de Jose nunha estación de servizo Repsol en Eirís e tamén en Feuvert, demostrando así que a autonomía é posible cando se proporcionan os apoios idóneos.
Durante a súa estancia, recibirán os apoios que necesiten para reforzar habilidades crave como a organización das tarefas do fogar, a elaboración de comidas e a planificación diaria.
Esta experiencia englóbase no programa ‘Vivenda con Apoio: O teu Camiño cara á Emancipación’ de Down Coruña. A entidade dá así un paso decisivo cara á aposta pola inclusión real e a autonomía das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, xa que este proxecto innovador permite ás persoas participantes experimentar a vida independente nun fogar propio e con apoios personalizados que lles faciliten o camiño cara á emancipación.
Un proxecto transformador para a autonomía real nunha vivenda
O programa, liderado por Ana Canosa e enmarcado na área de Vida Adulta de Down Coruña, busca que as persoas coan síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poidan vivir fora do fogar familiar á vez que impulsa a súa toma de decisións e o desenvolvemento das súas propias capacidades. A metodoloxía do programa aposta por unha transición progresiva, onde os apoios se van axustando segundo as necesidades individuais, permitindo que cada participante avance ao seu ritmo.
“O obxectivo non é ofrecer un recurso residencial permanente, senón crear oportunidades de aprendizaxe en contornas reais que sirvan como primeiro paso para lograr unha emancipación efectiva no futuro”, destaca Laura Andrade, coordinadora da área de Vida Adulta. O programa responde así ao compromiso da entidade coa inclusión social e o desenvolvemento persoal das persoas con discapacidade intelectual, demostrando que, coa planificación e os apoios idóneos, poden alcanzar a vida autónoma que desexan.
Un modelo de inclusión e dereitos
Esta iniciativa é unha alternativa viable e máis económica fronte ás opcións tradicionais de residencia, abrindo novas vías para que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poidan exercer o seu dereito para decidir onde e con quen vivir.
A experiencia de Iván, Carlos e José Manuel marcará un antes e un despois no camiño cara a unha sociedade máis inclusiva, onde o apoio á autonomía sexa unha realidade. Este programa, que transformará sen dúbida as vidas das persoas participantes, tamén cambiará a percepción social sobre as súas capacidades rompendo barreiras e derrubando prexuízos.