O Salón Regio do Círculo das Artes de Lugo acolle este venres 21 de febreiro a primeira edición de “Diez Raziones”, un evento único que combinará gastronomía de alto nivel e solidariedade, xa que a recadación obtida irá destinada ás asociacións Down Lugo e Raiolas.
A velada, que reunirá a 12 chefs de prestixio e aos seus equipos, comezará coa degustación de pinchos para iniciar a experiencia culinaria. Despois, os stands dos cociñeiros e cociñeiras participantes ofrecerán as súas creacións gastronómicas, convertendo a noite nunha celebración de sabores únicos.
Posteriormente, o Mago Rafa sorprenderá ás persoas asistentes cun espectáculo de maxia e, ao remate da noite, a banda La Penúltima Sabinera ofrecerá unha actuación musical.
Pero máis aló da alta cociña, o obxectivo de ‘Diez Raz10nes’ é mobilizar a colaboradores, patrocinadores e empresas para canalizar apoio económico a entidades sociais a través da gastronomía.
No caso de Down Lugo, a recadación correspondente irá destinada a mellorar o programa de Emprego con Apoio da entidade, que ten por obxectivo a inclusión laboral das personas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais en empresas ordinarias da contorna.
Un bo exemplo do funcionamento desta metodoloxía poderá observarse no propio evento, xa que varios mozos e mozas membros da entidade traballarán man a man cos chefs e os seus equipos para ofrecer ás persoas asistentes unha experiencia inesquecible.
As entradas xa están dispoñibles nos restaurantes colaboradores da cidade e na páxina web diezraziones.com.
Diez Raz10nes
O nome do evento, ‘Diez Raz10nes’, engloba a súa esencia e propósito. Por unha banda, o número 10 non só representa a perfección e a totalidade dun evento único e coidadosamente deseñado, senón que tamén integra todos os elementos crave: 10 pratos, 10 sorteos, 10 portas da muralla de Lugo, 10 patrocinadores e un prezo redondo de 100€.
Por suposto, ‘Diez Raz10nes’ fai referencia a un dos eixos centrais do evento: a gastronomía. Pero ademais, o nome emprega a “z” para suxerir, de novo, dez «razóns» para formar parte desta iniciativa solidaria.
Esta elección engade unha capa de significado ao nome, vinculando a causa cun motivo esencial: a participación no evento non só é unha experiencia gastronómica única, senón tamén unha oportunidade para contribuír a unha causa benéfica con numerosas xustificacións que resoan a nivel persoal e colectivo.
‘Diez Raz10nes’ é unha acción impulsada por Allentum, Atalaia Comunicación e Publicidade, Arrozaría Vos Cachivaches, Canedo Restaurante & Brasería, Restaurante España e Kronos, coa colaboración da Escola de Hostalería IES Sanxillao.