O 21 de marzo conmemórase en todo o mundo o Día Mundial da Síndrome de Down, unha data escollida por Nacións Unidas [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.
Con motivo desta efeméride, o Movemento Down en Galicia organizará unha xornada de sensibilización coa que busca dar visibilidade ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e facer oír súas reivindicacións.
Así, o Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña acollerá, a partir das 19:30 horas, os actos conmemorativos do Día Mundial da Síndrome de Down, coincidindo co 25 aniversario da asociación Down Coruña.
Acto conmemorativo e xornada de sensibilización
Neste Día Mundial, as persoas representantes das xuntas directivas de Down Coruña e Down Galicia estarán acompañadas por varios representantes do Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, entre outras institucións.
Pero unha vez máis, as verdadeiras protagonistas desta sinalada data serán as persoas coa síndrome de Down, que farán oír a súa voz a través da lectura do Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal.
Serán as encargadas, ademais, de entregar os X Premios Down Galicia, que teñen por obxecto recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares. Nesta edición, os galardóns recaen na categoría de persoa individual en José Antonio Portabales, responsable de recursos humanos de Alcampo Coruña, pola súa implicación persoal co programa de Emprego con Apoio de Down Coruña, sendo a empresa na que traballa das primeiras en apostar de xeito claro na inclusión laboral das persoas coa síndrome de Down ao contratar a persoas usuarias da entidade Down; e na categoría institucional no Concello da Coruña, polo apoio prestado a Down Coruña ao longo dos anos, tanto de xeito económico como a través da concesión demanial gratuíta do local no que a entidade presta os seus servizos e do local da Praza de Ourense onde desenvolve a súa actividade “O quiosco de Down Experience”.
Este acto central, aberto a toda a cidadanía, incluirá tamén varios relatorios protagonizados por membros de Down Coruña, que porán de manifesto a importancia da inclusión en todas as etapas da vida dunha persoa e o traballo que se leva a cabo na asociación Down Coruña.
A entrada a este evento será gratuíta.
Para consultar o programa do acto conmemorativo prema aquí.
Iluminación dos principais monumentos de Galicia
Un ano máis, os principais monumentos de Galicia tinguiranse de azul e amarelo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down. Así, está previsto que a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, a Fonte de Catro Camiños na Coruña e as da Rúa Aragón en Vigo, os concellos de Lugo e Pontevedra, a Ponte Romana de Ourense, o Teatro Jofre en Ferrol, o edificio da Deputación de Pontevedra, ou o edificio da Xunta de Galicia en San Caetano, entre outros, se iluminen os vindeiros días 20 e 21 de marzo para dar visibilidade e concienciar á sociedade neste día tan destacado.