Down Galicia contou un ano máis coa colaboración da Deputación da Coruña que, mediante unha achega económica de 25.200€, apoia o proxecto “Emprego Con Apoio de persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual na provincia da Coruña” a través do programa FOAXE-P para o mantemento de programas e servizos en materia de servizos sociais. Esta axuda representa o 66,67% do financiamento do proxecto, que tivo un custe total de 37.798,11€.
Grazas a esta axuda, puideron desenvolverse diversas actuacións no ámbito da inserción laboral na empresa ordinaria que beneficiaron a un total de 100 mozos e mozas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. A totalidade destas persoas forman parte da bolsa de emprego da entidade da provincia da Coruña.
En virtude desta colaboración, durante o período no que se desenvolveu este proxecto, 78 persoas estiveron contratadas e 8 persoas realizaron formación práctica en empresa. Destes contratos, aínda que a maioría foron indefinidos, todos estaban limitados a xornada parcial.
Con respecto ao traballo de prospección, durante o pasado ano conseguiuse visitar e presentar o proxecto a un total de 24 empresas. O obxectivo destas visitas centrouse en atopar un posto de traballo susceptible de ser ocupado por aquelas persoas participantes que estiveron en situación de busca de emprego nalgún momento do proxecto, ou ben para negociar posibles renovacións ou prórrogas de persoas usuarias ocupadas.
Colaboración para a renovación de equipamento
A Deputación da Coruña tamén destinou o pasado ano 2.342,21€ ao proxecto de “Implantación e renovación de equipamento informático e audiovisual e da páxina web, parte da sede da Federación en Santiago” a través do programa FOIE para o investimento de servizos sociais. Esta axuda representa o 80% do financiamento do proxecto, que tivo un custe total de 2.927,76€.
Esta achega financiou a programación da nova web e parte do equipamento tecnolóxico que utilizan os profesionais da Federación, con maiores prestacións, e que estean perfectamente configurados para o desenvolvemento do traballo diario.