O Pazo da Deputación de Pontevedra acolleu onte a entrega da primeira edición dos “Premios Sociais da Provincia” que outorga a administración provincial, na que o proxecto “Avaliación e seguimento do envellecemento das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual” da Federación Down Galicia conseguiu o galardón na categoría de “Mellor proxecto ou iniciativa polo seu impacto social”.
Down Galicia decidiu presentar este proxecto aos Premios Sociais da Deputación de Pontevedra polo seu enfoque innovador, xa que actualmente non existe no sistema sanitario galego ningún procedemento que teña en conta o envellecemento prematuro e acelerado do colectivo de persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual e que favoreza unha diagnose precoz e diferencial e unha boa atención.
É de vital importancia levar a cabo un exhaustivo control médico que teña en conta os problemas clínicos desde que son persoas adultas ata que envellecen, xa que, por unha banda, será necesario adiantar a idade de aplicación de certos protocolos para probas diagnósticas e, por outro, será de especial relevancia o coidado da saúde e a prevención da dependencia e a saúde mental.
O descoñecemento da realidade das persoas coa síndrome de Down nesta etapa vital xera moitas dificultades para a realización de diagnósticos que diferencien adecuadamente entre comportamentos ou condutas propias da persoa con discapacidade intelectual, doutros que poidan indicar a presenza dalgunha enfermidade mental ou deterioro cognitivo ou, incluso, de outras patoloxías como celiaquía, xordeira, problemas de tiroides, etc.
Manuel Pérez Cabo, vicepresidente da Federación Down Galicia, destacou na súa intervención trala recollida do galardón que “este premio non só valida o traballo realizado, senón que tamén reforza a importancia de seguir traballando por un envellecemento digno e de calidade para as persoas coa síndrome de Down”.
Este recoñecemento é o terceiro que acada este proxecto tras ser distinguido como finalista nos Premios Innovación en Saúde do Sergas e co Premio #RIES24 na categoría “Revelación” outorgado polo Clúster Saúde Galicia (CSG) en 2024. Estes recoñecementos dan validez ao traballo levado a cabo polas entidades de Down Galicia nos últimos 10 anos e avalan os informes elaborados por estas, que recollen información de xeito sistematizado, obxectivo e periódico que contribúe á elaboración dun perfil de funcionamento que axuda a detectar cambios significativos que poidan ser indicadores da presenza dunha enfermidade ou trastorno.
Premios Sociais da Provincia
Os Premios Sociais da Provincia da Deputación de Pontevedra, que nesta ocasión foron entregados no Día do Traballo Social poñendo así en valor o labor desta disciplina profesional, buscan destacar o traballo realizado en favor dos dereitos humanos e os colectivos máis vulnerables e divídense en tres modalidades: premio a toda unha vida profesional no ámbito social, premio a unha entidade de iniciativa social pola súa traxectoria e premio a un proxecto ou iniciativa polo seu impacto social.
Nas outras categorías, os gañadores foron Xosé Carlos González Blanco, coordinador da Asociación San Xerome Emiliani, “por unha vida profesional dedicada ao ámbito social” e a Asociación Española contra el Cáncer pola súa traxectoria.