O Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña foi o escenario escollido pola Federación Down Galicia e pola asociación Down Coruña para conmemorar un novo Día Mundial da Síndrome de Down. Nun acto que mesturou unha parte institucional con distintas mesas redondas, as persoas coa síndrome de Down foron as verdadeiras protagonistas, poñendo de manifesto, entre outras moitas cousas, que merecen as mesmas oportunidades que as demais, e reclamando, un ano máis, os seus dereitos.
Foron catro as persoas encargadas de dar lectura ao Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal, dando así voz a todo o colectivo e facendo fincapé en que as persoas coa síndrome de Down, coma calquera outra, queren vivir a vida que elas mesmas elixan.
“Un cromosoma extra non pode ser a escusa para privarnos dos nosos dereitos. Temos dereito a ser persoas autónomas e independentes. A estudar, a traballar, a querer, a divertirnos e a relacionarnos. E, por suposto, temos dereito a tomar as nosas propias decisións e a formar parte da sociedade”, demandaron.
No acto tamén interviñeron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey García; a subdelegada do Goberno en A Coruña, María Rivas López; a directora xeral de persoas con discapacidade, Begoña Abeijón Fernández; a deputada responsable das áreas de Política Social, Educación e Mocidade da Deputación da Coruña, Mª del Mar García Vidal; a presidenta de Down Coruña, María Díaz Caamaño; e o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto González.
O inicio correu a cargo da presidenta de Down Coruña, que aproveitou a súa quenda de palabra para agradecer a asistencia de tódalas persoas alí presentes. María Díaz deu a benvida ao evento resaltando o percorrido da entidade que preside durante os seus 25 anos de existencia e continuou a súa intervención destacando que nestes anos, as persoas coa síndrome de Down “demostraron que, cos apoios adecuados, poden alcanzar metas que fai uns anos parecían inalcanzables: obter un título académico, acceder a un emprego digno, vivir de maneira independente”. Pero Díaz tamén indicou que “queda moito por facer e que o camiño cara a inclusión real e efectiva segue estando cheo de barreiras que, entre todos e todas, debemos derrubar”.
O presidente de Down Galicia, pola súa parte, quixo comezar a súa intervención felicitando a Down Coruña polo seu 25 aniversario e poñendo en valor “o gran traballo e o camiño percorrido nestas dúas décadas e media”. Delmiro Prieto ontinuou o seu discurso poñendo de manifesto o moito que a sociedade avanzou nestes 25 últimos anos, destacando que “as persoas coa síndrome pasaron do ostracismo nos fogares á visibilidade”. O presidente da Federación quixo facer fincapé na campaña lanzada este ano pola Federación Down España, na que se exemplifica perfectamente “que as persoas coa síndrome de Down poden ter as mesmas experiencias vitais que calquera outra persoa”. Prieto concluíu incidindo en que “o máis importante é ofrecerlle oportunidades para que poidan levar a vida que elas mesmas escollan”.
Ademais das intervencións das autoridades presentes, as persoas asistentes a este acto puideron desfrutar de varios relatorios protagonizados por profesionais e familias pertencentes a Down Coruña, que destacaron o traballo da entidade e puxeron de manifesto a importancia da inclusión a través de diferentes experiencias de vida en ámbitos como a educación, a formación e o emprego ou a vida independente e o envellecemento, entre outros.
Premios Down Galicia
A Federación Down Galicia entregou nesta ocasión os X Premios Down Galicia, que teñen por obxecto recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares.
O premio na categoría institucional foille outorgado ao Concello da Coruña, polo apoio prestado a Down Coruña ao longo dos anos, tanto de xeito económico como a través da concesión demanial gratuíta do local no que a entidade presta os seus servizos e do local da Praza de Ourense onde desenvolve a súa actividade “O quiosco de Down Experience”. Mentres, na categoría de persoa particular, o galardón recaeu en José Antonio Portabales, responsable de recursos humanos de Alcampo Coruña, pola súa implicación persoal co programa de Emprego con Apoio de Down Coruña, sendo a empresa na que traballa das primeiras en apostar de xeito claro na inclusión laboral das persoas coa síndrome de Down ao contratar a persoas usuarias da entidade Down.
O premio consiste nun recoñecemento simbólico e na entrega dunha figura representativa da imaxe Down realizada polo artesán galego Fernando Porto.
Pola súa banda, Down Coruña entregou tamén dúas mencións especiais de recoñecemento á Deputación da Coruña e a Joaquín González Iglesias, CEO de Sociedad de Inversiones Higoma S.L. e ex-director xeral de Vegalsa-Eroski, polo seu compromiso e apoio incondicional na loita pola autonomía persoal, a accesibilidade universal e a vida independente.