“Somos persoas activas, con metas, aspiracións e opinións. Hoxe é o día para facer oír a nosa voz e para reclamar unha sociedade máis inclusiva”, asegurou o pasado venres Irene Rodríguez-Toubes, a moza con síndrome de Down que co-presentou a gala de entrega dos Premios Down Compostela, cos que a Fundación recoñece o traballo de Marta Rodríguez Lorenzo, Antonio Rodríguez Núñez e de Seur.
O acto celebrouse na sala Mozart do auditorio de Galicia, presidida pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; pola conselleira de Política Social, Fabiola García, e polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Ao acto asistiron máis de 250 persoas, entre as que se atopaban alcaldes de concelleiros de varios municipios nos que ten presenza Down Compostela.
Na lectura do manifesto institucional polo Día Mundial da Síndrome de Down, ademais de reivindicar unha sociedade máis inclusiva, Irene Rodríguez-Toubes, reclamou os dereitos das persoas con trisomía 21 e lembrou que “é moito máis o que nos une que o que nos diferenza. As persoas coa síndrome de Down sentimos, pensamos, queremos, crecemos e ilusionámonos coma calquera”, afirmou a moza, que copresentou a gala co xornalista da TVG Diego Viaño.
Irene deu paso ao videoclip Inclusión en Compostela, unha canción feita con intelixencia artificial na que os seus compañeiros e compañeiras do programa de inclusión social alzan a súa voz para asegurar “queremos inclusión e loitaremos por ela”. “Non somos invisibles, podemos cambiar o destino”, asegura a letra creada polas propias persoas con discapacidade que hoxe quixeron facer resoar a súa voz.
O presidente da Fundación, Juan Martínez agradeceu o traballo das persoas galardoadas por axudar “a que se escoite a voz das persoas con discapacidade, por axudarlles a tomar as súas propias decisións, a cambiar o seu destino e para que se lles recoñeza o seu esforzo”, como fixeron Seur Geopost ou Antonio Rodríguez Núñez nos últimos anos. O presidente tivo un recoñecemento especial para Marta Rodríguez Lorenzo, que foi directora de Down Compostela durante máis de vinte anos. “Marta foi e é un piar fundamental en Down Compostela. Foi o cemento que soubo xuntar ás familias, consolidar un excelente equipo de profesionais e un apoio fundamental para o equipo directivo. E, sobre todo, destacou por crer nas persoas coa síndrome de Down e discapacidade, poñendo sempre o foco nas súas capacidades e en todo o que poden facer”, afirmou Martínez.
Durante a gala actuou o artista compostelán Fran Allo.
Os premiados
Antía Losada e Pablo Balado entregáronlle o galardón a Antonio Rodríguez Núñez, do que resaltaron a súa visión para contar coas persoas con trisomía 21 e ter en conta as súas aportacións nalgunhas das investigacións que dirixe dende IDIS, e tamén por facilitar a sensibilización do alumnado de Enfermería da USC.
“Grazas, Antonio por tratarnos como iguais, por acercarnos un pouco máis a saúde a través das novas tecnoloxías, a ser conscientes do importante que é coidarse, mellorar e avanzar. Este premio é para ti, para que sigas tendo ti e o teu equipo ganas e forza para seguir investigando e contribuíndo a mellorar a nosa calidade de vida”, asegurou Antía antes de que Pablo lle entregara a man que simboliza o Premio Down Compostela.
Manuel Otero contou durante a gala a súa experiencia como traballador en Seur Santiago dende hai tres anos, antes de entregarlle o galardón á responsable de recursos humanos da zona noroeste da firma, Carla Salgado Fernández. Con este galardón, a fundación quere recoñecer a aposta que fixo a empresa en Santiago por incorporar ao mercado laboral a persoas con discapacidade intelectual.
Daniel López e Daniel Martínez foron os encargados de darlle o premio a Marta Rodríguez Lorenzo, quen durante os case 25 anos que traballou como directora da entidade converteuse nun referente para as familias e puxo en marcha moitos dos programas que contribuíron a mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down.
“Marta, este premio Down Compostela é para ti porque nos acompañaches nos momentos máis importantes das nosas vidas, cando aprendemos a comer, a falar, a andar, a ir á escola, a vida de adulto. Porque sempre nos apoiaches e confiaches nas nosas capacidades. Porque o mereces. Só podemos darche as grazas e dicirche que te queremos”, asegurou Daniel López, antes de que o seu compañeiro, Daniel Martínez, lle entregase o galardón a Marta Rodríguez, que recibiu unha grande ovación.