Con motivo do Día Mundial da síndrome de Down, que se conmemorou o pasado 21 de marzo en todo o mundo, a asociación Down Ourense inaugurou esta mañá o seu novo local, situado na Rúa Río Camba da cidade das termas.
O evento, conducido por dúas persoas usuarias da entidade, comezou co corte da cinta inaugural, ao que lle seguiu a visita ás novas instalacións e as posteriores intervencións institucionais.
O acto contou coa presencia de múltiples autoridades públicas, entre as que destacan o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira; o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; a Conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez; o Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos Martínez; así como outros representantes das distintas administracións autonómicas, provinciais e locais, da comunidade empresarial e educativa da cidade e de outros membros da sociedade ourensá.
Down Ourense contará a partir de agora cunhas novas instalacións nas que poderá ofrecer o mellor servizo posible ás case 100 persoas usuarias coas que conta neste momento. Sonia González, presidenta da entidade, destaca do novo local que será “un espazo onde a inclusión, as oportunidades e a autonomía serán os piares fundamentais sobre os que seguir construíndo un futuro mellor para todas as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais”.
Para rematar este acto de inauguración, dous mozos coa síndrome de Down da asociación Down Ourense alzaron a súa voz para dar lectura ao Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal, co que quixeron reclamar unha sociedade máis inclusiva e poñer de manifesto a falta de oportunidades á que se enfronta o colectivo a diario.
“Se somos tan parecidos, por que costa tanto incluírnos? Por que non temos as mesmas oportunidades?”, dicían ben alto e ben claro Rubén Yáñez e Javier Agudo. “Un cromosoma extra non pode ser a escusa para privarnos dos nosos dereitos”.
Deste xeito, os mozos da asociación encargáronse de desbotar mitos e prexuízos sobre a síndrome de Down, e reivindicaron unha vez máis os seus dereitos como cidadáns e cidadás de pleno dereito, incidindo na importancia da inclusión e da eliminación das barreiras existentes na contorna.
Estas accións están incluídas dentro dos actos que a asociación Down Ourense e o Movemento Down Galicia levaron a cabo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down.