Para poder visibilizar un ano máis a inclusión real e romper os estereotipos que aínda permanecen na sociedade, a asociación Down Vigo quixo conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down participando no III Desfile Inclusivo organizado no centro comercial Vialia.
Así, no escenario Vigo Exporta deste espazo comercial, máis dunha trintena de modelos, con e sen discapacidade, desfilaron para reivindicar o seu dereito a unha vida plena e independente e para mostrar que calquera actividade física pode ser unha ferramenta de desenvolvemento individual e colectivo.
Un ano máis, o evento estivo presentado polo showman Carlos Veleiro e acompañado da música de Diego Caride.
En colaboración con Decathlon e Discamino, esta iniciativa solidaria busca sensibilizar acerca dos valores do deporte: cooperación, esforzo e traballo en equipo. Ademais, posibilitou un espazo de expresión e protagonismo a persoas con discapacidade nunha contorna tradicionalmente ligada a estándares de estética e tendencias. Baixo o lema “Move People Through the Wonders of Sport”, os organizadores buscaron reflectir o compromiso coa inclusión e a accesibilidade no deporte e a vida cotiá.
Un evento cun forte compromiso social
Este desfile non sería posible sen a implicación dos colaboradores de Decathlon, que traballaron como voluntarios e voluntarias para facer realidade esta iniciativa. En total, 12 empregados da compañía sumáronse á organización do evento, asegurando que cada participante vivise unha experiencia inesquecible.
Agradecemos enormemente a Decathlon e ao CC Vialia de Vigo a súa xenerosidade e o seu compromiso coa inclusión nesta data tan significativa para as persoas coa síndrome de Down.
Estas accións están incluídas dentro dos actos que a asociación Down Vigo e o Movemento Down Galicia levaron a cabo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down.