O pasado venres, para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down, persoas usuarias, traballadoras e familias vencelladas a Teima Down Ferrol saíron ás rúas da cidade departamental para reclamar os dereitos das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Así, tralo acendido do Teatro Jofre coas cores corporativas do Movemento Down en Galicia, azul e amarelo, 9 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais procederon á Lectura do Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal, recordando así que aínda estamos bastante lonxe de que poidan exercer os seus dereitos como a elas lles gustaría e, por tanto, aínda queda moito por facer.
A este acto asistiron tamén a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Isabel Ares Pernas; a concelleira de Política Social e Inclusión, Rosa Martínez; o primeiro tenente alcalde e concelleiro de emprego do Concello de Ferrol, Javier Díaz; así como representantes dos distintos grupos políticos da corporación municipal, outros colaboradores e amigos e amigas da entidade Down.
Esta acción está incluída dentro dos actos que a asociación Teima Down Ferrol e o Movemento Down Galicia levaron a cabo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down.