Con motivo do Día Mundial da síndrome de Down, que se celebra hoxe en todo o mundo, Down Pontevedra Xuntos quixo reivindicar a importancia da inclusión das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais colocando unha gran pancarta na balconada da Casa da Luz, situada na histórica Praza da Verdura.
Neste evento, Manuel Pérez Cabo, presidente de Xuntos, Paula Villaverde Gondar, coordinadora da entidade; Laura Pérez, Martín Piay, Adriana Gutiérrez e Óscar Viñas persoas usuarias da asociación, estiveron acompañados polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías; e outras persoas representantes dos distintos partidos que integran a corporación municipal como Marcos Rey e Yoya Blanco, do grupo municipal socialista, e Silvia Junco, do grupo municipal popular.
Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo como Día Mundial da síndrome de Down. Establécese esta data, o 21 de marzo [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.
O presidente de Xuntos, Manuel Pérez Cabo, destaca que “o Día Mundial da Síndrome de Down é unha xornada para reivindicar” e indica que este ano as entidades Down queren “dar visibilidade á realidade das persoas coa síndrome de Down”. “Queremos que a sociedade vexa más alá dos estereotipos e entenda que, coma calquera outra persoa, teñen soños, metas e ganas de vivir a vida que elas mesmas elixan”.
Sensibilización na contorna
Ademais destes actos institucionais, Xuntos está a participar tamén en distintas actividades durante estas semanas co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre as capacidades das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Así, profesionais e persoas usuarias da entidade participaron en distintas xornadas de sensibilización en centros educativos da contorna, onde están a dar visibilidade á importancia de que todos os nenos e nenas compartan espazo nas aulas.
Ademais, tamén se realizaron varias sensibilizacións en distintos clubes deportivos, centros cívicos e asociacións pontevedresas, onde se puxo de manifesto o moito que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poden ofrecer á sociedade da que forman parte.
Visibilización no Concello de Moaña
Por outra banda, o Concello de Moaña quixo contar con Down Pontevedra Xuntos para dar visibilidade a este Día Mundial da Síndrome de Down.
Así, ademais de colocar unha pancarta na balconada do Concello, a administración local quixo iluminar o palco da música do municipio coas cores corporativas das entidades Down e organizar un acto vespertino no que persoas coa síndrome de Down leron o manifesto das entidades Down en Galicia para este ano 2025. Neste evento, tamén se puido escoitar a testemuña dunha nai dun mozo coa síndrome de Down, membro de Xuntos, e visualizar a campaña #TanComoTú, elaborada por Down España para conmemorar esta efeméride.
Estas accións están incluídas dentro dos actos que a asociación Down Pontevedra Xuntos e o Movemento Down Galicia levaron a cabo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down.