Os principais monumentos das sete grandes cidades de Galicia conmemoraron o Día Mundial da Síndrome de Down. A Cidade da Cultura, a ponte romana de Ourense, o Teatro Jofre en Ferrol, as casas do concello de Ferrol, Santiago e Pontevedra, as Fontes da Rúa Aragón en Vigo e os edificios das Deputacións da Coruña, Pontevedra e Ourense estiveron iluminados de azul e amarelo na tarde-noite do 20 e do 21 de marzo.
Lectura da declaración institucional no Parlamento de Galicia
O pasado mércores 12 de marzo, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, deu lectura na cámara lexislativa a unha declaración institucional con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down.
Durante a lectura, Santalices amosou o recoñecemento dos membros da cámara ás persoas coa síndrome de Down, así como ao imprescindible movemento asociativo que as representa e que encabeza a Federación Down Galicia, e reafirmaron o seu compromiso coa inclusión social do colectivo expoñendo distintas medidas concretas para conseguila.
Consulta aquí a declaración institucional.
Implicación dos medios de comunicación galegos
Un ano máis, os principais medios de comunicación do país quixeron implicarse na visibilización das persoas coa síndrome de Down co gallo do 21M.
Televisións, radios e xornais impresos e dixitais deron cobertura aos eventos realizados pola Federación e as súas entidades, ademais de producir reportaxes e diferentes entrevistas.
Ademais, 14 dos principais xornais galegos colaboraron tamén co Departamento de Comunicación de Down Galicia para apoiar as súas campañas. Moitos deles publicaron un anuncio de sensibilización na súa versión impresa, mentres outros, coma Nós Diario, realizaron cobertura sobre as demandas realizadas neste Día Mundial.
Participación de centros educativos e universidades
Universidades e centros educativos galegos tamén quixeron colaborar na difusión deste Día Mundial da Síndrome de Down.
Deste xeito, as tres principais universidades galegas, USC, UVigo e Universidade da Coruña, difundiron o vídeo e a cartelería da campaña da Federación Down Galicia en moitas das pantallas das súas facultades. Ademais, enviaron tamén información por correo electrónico sobre a síndrome de Down e o labor de Down Galicia a gran parte do seu alumnado e profesorado.
Por outra banda, decenas de centros educativos quixeron participar na campaña #TanComoTú en redes sociais, subindo fotografías co signo deste ano.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, pola súa banda, enviou a tódolos centros educativos galegos información facilitada pola Federación, na que se achegaban recursos cos que poder traballar a realidade da síndrome de Down nas aulas.
Desde a Federación agradecemos a todos e todas elas a súa fundamental colaboración para a eliminación dos prexuízos asociados á síndrome de Down.