Esta mañá , responsables da Fundación Iberdrola España quixeron coñecer de primeira man o proxecto “Emprego con apoio: Talento profesional de persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual” que leva a cabo a Federación Down Galicia e que está cofinanciado polo Programa Social da Fundación. É esta unha iniciativa cuxo obxectivo é axudar ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais a que desenvolvan as súas habilidades formativas para a súa inserción sociolaboral.
O groso da visita tivo lugar na sede central da entidade, en Santiago de Compostela, e contou coa asistencia de Delmiro Prieto González e Sonia Caldas Novás, presidente e xerente da Federación Down Galicia; Beatriz Buceta Martínez, responsable de emprego da Fundación Down Compostela; Teresa Rodríguez, responsable de Acción Social, e Julia Cuevas, responsable da área Social, da Fundación Iberdrola España, así como Francisco Silva, delegado institucional de Iberdrola en Galicia.
Pero a mañá deu comezo cun almorzo nun coñecido hotel da cidade, onde os membros da Fundación Iberdrola España puideron ver in situ o traballo dunha persoa usuaria dunha entidade Down, que desenvolve as súas tarefas como axudante de camareira na zona de restauración do establecemento hostaleiro.
Posteriormente, puideron escoitar, de boca das propias protagonistas, as experiencias laborais de Pamela Casagrande e Cristina Freire, dúas mozas coa síndrome de Down que explicaron cal foi ou está a ser o seu proceso de procura activa de emprego e/ou mantemento e apoio no posto de traballo.
O proxecto Emprego con apoio, que se desenvolve en diversas zonas da comunidade galega, facilita ferramentas, recursos e reforzo a 24 persoas en procura de emprego e 46 en activo que actualmente desempeñan un posto de traballo nunha empresa ordinaria e atópanse en fase de mantemento e apoio no posto.
Como resultado do proxecto, espérase aumentar a participación e implicación familiar no servizo, a mellora de colaboración e a concienciación do sector empresarial, tanto público como privado, en beneficio das persoas con discapacidade, así como o éxito na incorporación ou mantemento da persoa traballadora na empresa a través dun preparador ou preparadora laboral.