Destacado

REXEITAMOS A LOMCE 

 

A Federación Down Galicia rexeita de pleno a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), xa que considera que levará consigo graves prexuízos  para a comunidade educativa, en xeral, e as persoas con discapacidade intelectual, en particular.

A segregación pretendida con esta nova reforma, vulnera a igualdade de oportunidades na cal debe basearse un sistema educativo de calidade. A pesar de que a nova lei emprega na súa redacción termos como equidade, non discriminación e inclusión, esta clasificará ao alumnado en función dos seus resultados académicos e non polo seu desenvolvemento integral, co que aqueles que non rocen a excelencia verán minguado o seu desenvolvemento educativo.

Estes resultados serán os indicadores da calidade da ensinanza de cada centro, tendo repercusións posteriores na remuneración dos mestres e na dotación de recursos. Un feito que xerará actitudes pouco inclusivas ou segregadoras cara o alumnado máis vulnerable ou con condicionantes que puidesen dificultar a súa adaptación ou rendemento escolar.

Así mesmo, esta lei non garante que aquelas persoas con dificultades na aprendizaxe conten coa atención axeitada, provocando así que a calidade educativa descenda enormemente, e non rexeita a idea de favorecer a especialización dos centros.

Down Galicia apoiou a folga xeral en educación.

Por iso e por considerar que a LOMCE é unha lei que nace sen consenso, a Federación Down Galicia apoiou a folga xeral en educación do pasado 9 de maio.

Trátase, en definitiva, dunha mercantilización da ensinanza que terá repercusións tanto a nivel educativo como a nivel social, xerando actitudes de rexeitamento cara a aqueles que partan dunha situación de desvantaxe.

.