ENTREVISTA A VERÓNICA PARDELLAS E CARMEN SOTO

 

VERÓNICA PARDELLAS, USUARIA DE DOWN OURENSE

1. Verónica, xa levas algúns anos no mundo laboral… en cantos sitios estiveches traballando?

Estiven traballando en varios sitios. Na Deputación de Ourense como ordenanza, na Universidade de Vigo dentro do servizo de deportes como conserxe, no Concello de Arnoia na brigada e agora estou no Balneario de Arnoia. A maiores do traballo, fixen moitos cursos de informática, de habilidades sociais, de xardinería,…

 

2. En que traballas agora?

Agora mesmo estou no Balneario de Arnoia, da empresa Caldaria. Levo seis meses traballando alí pero xa o ano pasado estiven uns meses contratada. Vou os luns, mércores e venres. Teño contrato ata mediados de outubro pero estou a dar o mellor de min para conseguir que me prorroguen o contrato.

 

3. Cales son as túas tarefas?

Teño moitas tarefas: Preparo a sala de parafango (poño nas sillas sabanillas e mantas, e coloco os plásticos nas bandexas), preparo as salas de masaxes (colocando as toallas e aceites), limpo as bañeiras despois dos tratamentos e repoño o produto e as toallas, baleiro o carro da roupa sucia, vou por albornoces e toallas a lavandería, reviso as taquillas, repoño os vasos de plástico para que a xente beba e, en xeral, reviso que estea todo ben no balneario.

 

4. Que tal te levas cos teus compañeiros e compañeiras? Axúdanche co traballo?

Lévome moi ben con todas. Son moi amables e a encargada é moi boa comigo. A verdade é que non hai queixa. Todos me axudan no traballo e somos un bo equipo, que é como me gusta traballar a min, en equipo.

 

5. Cal é a túa seguinte meta

A miña primeira meta é aprobar o exame do Estado en Madrid e poder aprobar unha oposición e conseguir unha praza de ordenanza, xa que teño experiencia en eso. En caso de non conseguilo, encantaríame seguir traballando no balneario.

 

6. Como cres que será a túa vida dentro duns anos?

A miña vida… espero estar traballando como ordenanza na función pública. Espero ter unha vida normal, na que estea conseguindo as miñas metas. Espero estar máis activa que agora, mellorar todo o que poda tanto no meu traballo como na miña vida. Non me imaxino vivindo soa… senón cos meus pais ou cos meus irmáns. Tamén me gustaría no futuro poder axudar en algunha ONG.

 

 

CARMEN SOTO, NAI DE VERÓNICA

1. Cando e como chegastes a formar parte do movemento Down?

Xa case nin o recordo, hai moito tempo… creo que chegamos cando Verónica tiña sobre 20 anos. Unha sobriña miña que estaba na universidade faloume de Down Ourense. Nós sempre estivemos no noso Concello en Arnoia, onde fixo a etapa educativa e posteriormente un curso de garantía social pero ao rematar non sabiamos que facer con ela e foi cando coñecemos Down. Tivemos un tempo de “impasse” no que non estivemos na entidade e no que Verónica comezou a traballar na empresa familiar. Para nos hoxe, eses anos foron un tempo perdido pero unha vez que tomamos a decisión de volver foi chegar e quedarse, non había dúbidas.

 

2. Que medos tivestes antes de que Verónica comezara a traballar?

Creo que os habituais… medo a que non soubera facelo, a que se comportase ben, que collera moita confianza na empresa e iso supuxera un problema… Despois no relacionado a nivel de traballo sei que non habería problema xa que a Verónica lle encanta traballar, é unha rapaza moi activa e que demanda facer cousas, non lle gusta estar sen facer nada. Xa cando traballaba con nós no bar, ela por iniciativa recollía mesas, cargaba e sacaba lava vaixelas e incluso selaba as quinielas.

 

3. Cal é o papel de Down Ourense no proceso de inclusión laboral de Verónica?

É TODO. Sen Down Ourense non habería oportunidade para Verónica para encontrar un traballo. Apórtanos seguridade, tranquilidade e sabemos que ten todo o apoio que precisa no posto de traballo coa súa preparadora laboral.

 

4. Por que cres que é importante a inclusión no eido laboral para as persoas coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual?

Porque, ao igual que calquera persoa, necesitan traballar. Porque se senten como un máis, importantes. No caso da miña filla, se non estivera traballando, non estaría ben. Cando está traballando cambia, é máis responsable, máis madura, está como máis seria. Para ela, estar na casa sen facer nada non lle é positivo. Ten tantas ganas de traballar que non lle importa ir en festivos ou fins de semana.

 

5. Que lle diriades a un pai ou unha nai que teña medo de que o seu fillo ou filla comece a traballar nunha empresa ordinaria?

Pois diríalle que non teñan medo… que o poden facer todo. É normal que os medos estean presentes ao comezo, pero unha vez que pasan os días e ves que o consegue, van desaparecendo. Ademais saber que van a estar acompañados da entidade da outra tranquilidade e iso é moi importante.

 

6. Neste momento Verónica está traballando e é unha muller que non se conforma co que ten, sempre está a pensar en novos retos. Cal crees que é a súa seguinte meta?

Aínda que lle encanta o seu traballo no balneario, o que ten en mente é aprobar a oposición e conseguir unha praza, ese aspecto tráena “tola”. A pesar de estar traballando, de ir a piscina e a informática, todos os días chega a casa e saca tempo para poñerse a estudiar. Verónica é moi estrita cos seus horarios. É unha rapaza moi activa e encántalle propoñerse cousas novas, e espero que alcance tamén este obxectivo.

 

7. Como podes axudarlle ti como nai?

Como nai axúdolle en todo o que podo. Toda a familia facemos o posible, todo o que está nas nosas mans para axudala. Cada proposta que nos fai, esforzámonos para que a poda facer e conseguir. No concello no que vivimos non hai moitas oportunidades e cada vez menos opcións, polo que sempre nos organizamos, a pesar de que en ocasións é complicado, para traela a cidade e dese xeito non restarlle oportunidades.

 

8. Como te imaxinas que será a vida de Verónica dentro duns anos….

Non vou a negar que o tema que máis medo me da é o do envellecemento, é o que máis me preocupa. Polo demais, con 40 anos imaxino que Verónica xa cumpriu o seu soño de ter aprobada a oposición ou ben seguir traballando no balneario.  Imaxínome que estará  ben, con todo o que ela poida conseguir. Non a imaxino vivindo soa, xa que ela é algo que non demanda, pero creo que tamén podería ser unha opción si se lle propón como un obxectivo.

 

9. Un desexo para Verónica……

Cantos tería…. pero o que máis, o máis grande, sería que ela puidera ser independente, ter unha independencia TOTAL.

 

10. Down Galicia cumpre 20 anos… Cales consideras que son os puntos fortes da Federación?

Creo que o traballo feito é moi importante, sempre defendendo a autonomía e as capacidades das persoas coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual. Axuda na visibilización dos seus dereitos e a unir as forzas de todas as entidades.

 

11. Crees que cambiou a idea que ten a sociedade sobre as persoas coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual?

Penso que comezou a cambiar, pero si é certo que aínda queda moito por avanzar. Na nosa zona nunca houbo problemas, Verónica sempre foi unha máis, pero en ocasións, aínda ves a xente que se segue a fixar en ela, como se foran diferentes. Creo que o que faltan son máis oportunidades para eles, que a xente os coñeza e deixar a un lado esa visión de “pobrecitos”.

 

12. Como che gustaría que fose a sociedade dentro de vinte anos en relación á síndrome de Down e a discapacidade intelectual?

Gustaríame que non tiveran ningún rexeitamento, que ninguén se sorprendera ao velos e que se deixase de dubidar das súas capacidades.  Encantaríame unha sociedade moito máis respectuosa.