ENTREVISTA A PEDRO BARREIRO Y PABLO CANDAL
Usuarios de Down Coruña

 

1. Pedro e Pablo, que facedes durante un día normal nas vosas vidas? Desde que vos levantades ata que vos metedes na cama.

Pedro: Levántome, despois almorzo, lávome os dentes, aséome e vístome. Antes de marchar, deixo a mesa posta e preparada e voume a por o pan. Depende do día, teño algunhas actividades. Se teño libre, quedo coa miña noiva ou os meus amigos. Cando chego a casa a última hora aséome, vexo un intre a tele, ceno e voume para a cama.

Pablo: Esperto, vístome e preparo o meu uniforme de traballo e a roupa de rúa para cambiarme ao saír de traballar. Almorzo e marcho ao traballo. Ao mediodía, cando chego, poño a mesa, como e fago algunhas tarefas domésticas. Algunhas tardes teño adestramento co club de fútbol do Ventorrillo, outros días teño gabinete e outros vou á Asociación.

 

2. Hai pouco traballastes como presentadores dun programa de televisión. Como foi a experiencia?

Pedro: Foi unha experiencia moi boa. A min o que máis me gustou foron as actividades que faciamos, sobre todo coñecer unha orquestra moi famosa como foi a París de Noia. A maior dificultade que tiven foi que non sabía falar ben en galego, porque son de Castrillo de los Polvazares. Gústanme as cámaras e ser artista.

Eu sentinme moi contento facendo este programa e ademais fíxeno co meu amigo Pablo.

Pablo: Gustoume moito facer o programa e paseino en grande con todo o equipo. Ao principio gocei moito indo a distintos sitios a gravar. Ao final, xa estaba algo máis canso porque eu tiña outro traballo e, ás veces, chegabamos tarde e tiña que madrugar moito. Pero aínda así, foi unha experiencia xenial.

 

3. E nestes momentos, estades traballando?

Pedro: Agora mesmo non, estou no paro e en procura activa de emprego. Estiven a traballar en Nespresso durante 9 meses. Tamén participei nunha serie como actor.

Pablo: Eu traballo nunha tenda de Zara, na parte do almacén. Algunhas das miñas tarefas son emperchar e clasificar a roupa. Estou moi contento con este traballo, xa levo 7 anos con contrato indefinido e encántame traballar alí.

 

4. Que facedes no voso tempo de lecer?

Pedro: Adoito quedar cos meus amigos ou coa miña noiva para ir pasear ou tomar algo. A min encántame ir de cea ou de comida e saír de festa cos meus amigos pola noite. Cando quedo coa familia  tamén imos de terrazas.

Pablo: Gústame saír por aí, convidar os meus amigos a casa para tomar algo, estar no computador, ver un partido de fútbol, ir ao cinema ou tomar algo con eles nun bar.

 

5. De todas esas actividades, cal é a que máis vos gusta?

Pedro: A min o que máis me gusta é o lecer. Gústame ir ao cinema, ir á discoteca, saír!! O que fai a xente da miña idade, xente nova.

Pablo: O que máis me gusta é tomar algo cos amigos porque son moi divertidos.

 

6. Down Coruña axúdavos a preparar algún dos vosos plans de ocio?

Pedro: Si, axúdame a organizar o lecer cos meus amigos, concretar os plans, a hora á que quedamos, as persoas que nos imos a reunir, etc. Xestionar os grupos de Whatsapp. Eu teño ideas de lecer, e a asociación axúdame.

Pablo: Si, como di o meu amigo Pedro, a Asociación axúdanos a facer os nosos plans para quedar todos xuntos.

 

7. Algunha vez vos puxeron algún problema ao querer facer algunha actividade de ocio na vosa cidade?

Pedro: Bueno, eu son un mozo novo e bastante festeiro. Hai veces que se teño ideas que poden ser complicadas de facer, por exemplo, despedidas de solteiro, a festa da escuma…etc. Para outros plans, a asociación sempre me axuda.

Pablo: A min a verdade que nunca me puxeron pegas.

 

8. Tendes ganas de irvos a vivir pola vosa conta?

Pedro: Eu si. Primeiro gustaríame probar e ir con algún amigo. Máis tarde, gustaríame facelo coa miña noiva, aínda que teño que ver se a relación funciona porque levamos pouco tempo saíndo.

Pablo: Si que me gustaría independizarme dos meus pais, pero tamén teño un pouco de medo porque pode ser que non estea preparado. Eu véxome moi cambiado, e sei que podo ser capaz. Tamén agora sei facer moitas máis cousas que antes.

 

9. Cales son os vosos plans de futuro?

Pedro: Gustaríame primeiro ter un traballo. Necesítoo para o resto de obxectivos. Quero vivir en parella, casarme e ter fillos. Ter unha vida normal.

Pablo: O primeiro, o meu traballo encántame e gustaríame mantelo. Quero aprender cousas para poder vivir independente, saber cociñar, pasar o ferro, etc. Tamén me gustaría vivir en parella.

 

10. Que lle diriades a alguén que pensa que as persoas coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual non poden traballar ou vivir sós?

Pedro: Alguén cre que son parvo? Eu podo traballar. Teño síndrome de Down e teño dereito a que me traten como unha persoa. As persoas traballan. Sei facer tarefas nun posto de traballo, se teño dúbidas sei preguntar aos meus compañeiros ou aos meus xefes. Vivir só tamén podo. Porque non? Sei facer as miñas tarefas domésticas, a cama, cociñar…etc. sen medo. A miña familia confía en min.

Pablo: Pois mira, eu diríalle que eu traballo hai moito tempo e si, teño Síndrome de Down. E que? Non me gustaría que alguén dixese iso. Tamén diría: ‘’eu son coma ti, así que non me trates mal”.

 

11. Algo máis que nos queirades contar…

Pedro: Gustaríame dicirlle a todo o mundo que nos traten como a calquera outra persoa. Non me gusta que me discriminen, non quero iso. Vin como discriminaron a outras persoas por ter síndrome de Down, e non é xusto. Cando nos discriminan, fannos sentir como unha merda.

Pablo: Non, a verdade é que non.