ENTREVISTA A TONI BLANCO E VANE FILGUEIRA
Parella coa síndrome de Down e membros de Teima Down Ferrol

 

 

1. Toni e Vane, canto tempo levades saíndo xuntos?

Toni: Saímos xuntos dende hai 7 anos.

 

2. Como, cando e onde vos coñecestes?

Vanesa: Coñecémonos na asociación, en Teima.

 

3. E nestes momentos, que estades a facer? Estudades ou traballades?

Toni: Eu son mozo de almacén, en Pull and Bear en Ferrol, no Río de Pozo. Traballo alí dende o ano 2011.

Vane: eu agora estou preparando oposicións. Ademais, estou buscando emprego. En Teima axúdanme a buscar traballo: veño a formación sociolaboral, con Esther. Tamén fixen prácticas na biblioteca do concello de Narón, de administrativo, nunha axencia de viaxes, de limpadora,  etc.

4. E cando estades xuntos, que cousas facedes? Como é o voso día a día como parella?

Toni: gústanos saír por aí, ir ó baile, a tomar algo…  Ás veces facemos cousas ós dous solos e ás veces coa nosa familia. Na fin de semana, cando nos podemos ver, eu ás veces vou á casa da familia de Vanesa.

Vane: Tamén ás veces imos ó cine, a pasear… Cando estamos xuntos na casa da nosa familia, eles sempre nos deixan un tempo para que esteamos xuntos. Para poder ter intimidade, ás veces imos a un hotel.

 

5. Como vos axuda Teima na vosa relación?

Toni: en Teima axúdannos moito, en moitas cousas. Teima axudou para que as nosas familias nos deixaran ter máis intimidade, porque ao principio non foi fácil, e Teima falou con eles.

Vanesa: Axúdanos para poder algún día vivir solos, e para poder atopar traballo. Tamén nos axudou en cousas de sexualidade. Cando temos algunha dúbida, falamos con Teima ou coa nosa familia.

 

 6. Gustaríavos irvos a vivir xuntos?

Toni: Si, gustaríanos ir a vivir xuntos.

Vanesa: Si, a min tamén me gustaría. Pero temos que falalo coas nosas familias.

 

7. Por que non o facedes?

Toni: De momento non podemos. E para facelo necesitamos axuda das nosas familias e de Teima.

Vanesa: Eu necesito un traballo para poder irnos a vivir xuntos. E, de momento, aínda non o teño.

 

8. Cal é a opinión das vosas familias con respecto á idea de que vivades xuntos?

Vanesa: A miña nai ten un pouco de medo aínda. Teñen medo de que nos vaiamos lonxe deles, e de que non poidamos vivir solos.

Toni: A miña tamén. Pensan que é demasiado pronto.

 

9. Cales son os vosos plans de futuro?

Toni: Queremos vivir en parella. E unha voda; gustaríanos casar.

Vanesa: Atopar un traballo para min primeiro. E a voda tamén me gustaría.

 

10. Que lle diriades a un pai ou a unha nai que teñan medo de que o seu fillo ou filla coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual queira ter unha relación de parella seria?

Toni: Eu lles diría que ánimo. E que teñen que respectar e estar tranquilos, que non pasa nada. Que se pode ter parella e saír coma nós.

Vanesa: Que as persoas coa síndrome de Down teñen dereito a ter parella.

 

11. Algo máis que nos queirades contar…

Vanesa: En Teima temos o apoio de todas as traballadoras de vida adulta. Estou moi contenta de vir aquí.