ENTREVISTA A DELMIRO PRIETO GONZÁLEZ
Presidente da Federación Down Galicia
1. Parabéns por estes 20 anos… Que se sinte ao chegar ás dúas décadas de traballo?
Multitude de sensacións.
Como resumo diría que, por unha banda, satisfacción por un camiño iniciado no que comprobamos que é posible superar a utopía, onde o esforzo que supón defender, reclamar e loitar por dereitos de persoas merece a pena.
Alegría tamén por comprobar como cando este esforzo se pon a disposición desas persoas, estas saben aproveitalo e demostrarnos que son capaces.
Por outra banda, agrado ao comprobar como na vida é máis importante abrir portas que mantelas pechadas no limiar do imposible.
E, por último, orgullo por ver como este ha de ser un camiño sen retorno que temos que percorrer todos xuntos; é dicir, non traballar para as persoas, que tamén, senón coas persoas, e un longo etc.
2. Para aquelas persoas que aínda non coñecen Down Galicia, como definirías á entidade?
Como unha organización que nace co obxectivo de conseguir a inclusión de todas as persoas na sociedade nun escenario de normalidade, fóra da excepcionalidade, da segregación. Con claridade e sen ambigüidades.
3. Cando se crea a Federación e como se organiza a súa creación? De onde xorde a iniciativa?
Nace en 1998 como consecuencia de agrupar nunha organización común todo o movemento que se estaba xestando no territorio galego.
Este movemento xorde por mor da inconformidade dunhas familias, mozas naquel momento, ante a expectativa que a sociedade presenta para as persoas coa síndrome de Down e ante a convicción de que outra realidade, outro futuro debía ser posible.
O tempo mostra con feitos que esta posición tiña fundamento.
4. Cando se comeza a profesionalizar o servizo (persoal e estrutura propia)?
No ano 2002, momento que marca un antes e un despois, e que grazas a esa decisión e ao contar ao longo destes anos cuns equipos de profesionais excepcionais, comprometidos con esta causa, fixo que evolucionase nos termos que coñecemos.
Desde aquí, unha vez máis, aproveito a ocasión para referirme a ese equipo humano e dicirlle GRAZAS POLO VOSO TRABALLO, COMPROMISO E APOIO!
5. Como cres que evolucionou a Federación desde o seu inicio ata agora?
Dunha forma notable. En gran medida, tal como queda reflectido no apartado anterior, motivado por ese paso que se deu no ano 2002.
6. Como valoras a evolución do movemento asociativo e da súa base social nestes vinte anos?
Se o fago con perspectiva de xustiza, que entendo que si, evolucionou baixo o compromiso do conxunto, o apoio entre asociacións e a unidade de criterio na nosa visión de futuro.
7. Cal consideras que debe ser o papel de Down Galicia na sociedade actual?
Debe seguir traballando nos termos que o vén facendo, reivindicando dereitos fundamentais das persoas, vixiando a súa vulneración e esixindo o respecto que merecen.
Entendo que o papel fundamental de Down Galicia ha de ser reivindicativo, con sentido responsable pero tamén enérxico alí onde fose necesario.
8. Cales son as principais melloras destes vinte anos?
Por unha banda, colocar no mapa social ás persoas coa síndrome de Down e conseguir que deixasen de ser invisibles.
Por outro, conseguir eliminar o analfabetismo nesta poboación.
E, por último, demostrar que son persoas, do mesmo xeito que o resto, que teñen opinión, que poden estudar, formarse, desempeñar un traballo, etc.
9. E cales cres que son as cuestións que seguen sen solucionarse?
A eliminación daqueles estigmas e aquelas barreiras que non somos capaces de derrubar por completo, como facer ver que as persoas con algunha dificultade, da natureza que sexa, son persoas, suxeitos de dereitos.
Que non son suxeitos graciables.
Que requiren respecto e non compaixón.
Que teñen nome propio e cada persoa é diferente.
Hai que recoñecer que a sociedade cambiou moito nestes conceptos, pero aínda queda un longo camiño.
10. Como chegaches a formar parte do movemento Down?
Pola inquietude e preocupación que me supuxo un día o nacemento de Javier e a rebeldía que sentín ante a realidade que me presentou a sociedade do momento.
11. Como che gustaría que fose a sociedade dentro de vinte anos en relación á síndrome de Down e a discapacidade intelectual?
Que non falásemos de persoas con ou sen, que só vísemos persoas tan iguais como diferentes, que ninguén sentise a necesidade de darse a volta para mirar cando se cruza na rúa con alguén distinto, etc.
Algo válido para toda a poboación.
12. Algo máis que nos queiras contar…
Creo que tanto como para ocupar páxinas que aquí e agora non debo, así que, pola miña banda, nada máis.