Punto virtual :: Down Galicia

PUNTO VIRTUAL DE EDUCACIÓN
CREACIÓN DE MATERIAIS ACCESIBLES

 

BARREIRAS E ACCESIBILIDADE DO MATERIAL

Que é a accesibilidade aplicada aos materiais educativos? Adaptado vs. Accesible

Frases coma “Preciso materiais adaptados para este neno”, “Hai que adaptarlle o tema”, “Pídelle á PT que lle faga actividades adaptadas” son recorrentes nos centros educativos.

Aínda que non é unha definición consensuada nin académica, na práctica docente considérase a adaptación de material cando se fai referencia á creación de recursos didácticos específicos adaptados ás características individuais dun neno ou nena concretos. Así, considéranse materiais adaptados os recursos con pictogramas ou subtítulos, elementos manipulativos, apoios visuais, ou ben aqueles recursos que non coinciden co “nivel académico” no que o neno ou nena está escolarizada. Estes materiais, en demasiadas ocasións, non coinciden nin están relacionados cos contidos, recursos ou mesmo dinámicas do resto dos compañeiros e compañeiras presentes na aula. Desta forma, non é estraño atopar alumnado de quinto ou sexto de primaria facendo tarefas de infantil na aula ordinaria, totalmente alleos ao desenvolvemento da clase.

Se nos atinximos á definición de inclusión educativa que parte das premisas presenza, participación e progreso, trátase dunha realidade que vulnera por completo o dereito de participación dos nenos e nenas na dinámica da aula.  Deste xeito, os materiais didácticos convértense en barreiras tanto físicas (co predominio absoluto da lectoescritura impresa) como sociais (impiden a participación), cognitivas (pensados para unha única forma “media” de percibir e comprender a realidade) e comunicativas (unha vez máis o sistema de lectoescritura impresa).

É fundamental mudar a perspectiva individualista, etiquetadora e segregadora que aportan os materiais específicos adaptados, cara unha visión inclusiva, creando e empregando materiais accesibles e dispoñibles para todo o alumnado, de xeito que ningunha persoa sexa excluída.

Así, os materiais con apoios visuais van facilitar a atención e comprensión de todas e todos. O mesmo ocorrerá coa utilización de material audiovisual subtitulado ou coa secuenciación de pasos nas actividades formuladas. Todo o alumnado se verá favorecido pola presenza de opcións alternativas que permitan a toma de decisións e a personalización da experiencia de aprendizaxe. Neste senso, o Deseño Universal para a Aprendizaxe, a través dos seus puntos de verificación, ofrece un marco único para a programación e elaboración de unidades e materiais didácticos accesibles para todo o alumnado.

 

Máis información:

https://cedec.intef.es/12-recomendaciones-para-elaborar-materiales-accesibles-e-inclusivos/

https://cedec.intef.es/recursos-accesibles-para-todos-recomedaciones-de-lectura-facil/

https://enmarchaconlastic.educarex.es/224-emtic/atencion-a-la-diversidad/3235-checklist-dua

https://emtic.educarex.es/224-emtic/atencion-a-la-diversidad/3079-crea-con-diseno-universal-para-el-aprendizaje

https://descargas.intef.es/cedec/formacion/congreso_innovacion_badajoz_2019/rea_dua/dua.html