Punto virtual :: Down Galicia

PUNTO VIRTUAL DE EDUCACIÓN
CREACIÓN DE MATERIAIS ACCESIBLES

 

O MARCO PARA A INCLUSIÓN: DESEÑO UNIVERSAL PARA A APRENDIZAXE

 

O Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) é un enfoque baseado na investigación para o deseño do currículo que supón un cambio total de paradigma educativo, permitindo a todas as persoas estar, participar e progresar en contextos educativos ordinarios e acollendo e respectando a diversidade presente nas aulas. Traslada o foco da discapacidade dende a persoa cara os contextos e materiais, establecendo unha ruptura total coa dicotomía entre as persoas con e sen discapacidade e aplicando o concepto de diversidade a todo o alumnado, sen excepción.

O DUA parte da variabilidade da actividade cerebral individual, presente en todas as persoas nos procesos de aprendizaxe e, tal e como recolle Alba Pastor (2014), “esta variabilidade cerebral determina os diferentes modos en que o alumnado accede á aprendizaxe, ás múltiples maneiras en que expresan o que saben e ás diversas formas en que se van a motivar e implicar na súa propia aprendizaxe”.

Tendo en conta os tres tipos de sub-redes cerebrais -redes de recoñecemento, estratéxicas e afectivas- que interveñen de forma maioritaria nos procesos de aprendizaxe, identifícanse tres principios representación, acción e expresión e motivación/compromiso que establecen o marco do enfoque DUA, construíndo un modelo práctico de intervención nas aulas.

Estes principios, concretados en 32 puntos de verificación, son unha guía que permite identificar e anticipar as barreiras que xorden tanto no deseño como na realización das actividades, facéndoas accesibles a todo o alumnado presente na aula.

Na súa labor de divulgación do DUA, o mestre de pedagoxía inclusiva Antonio Márquez, formula un Pack DUA Básico coa finalidade de achegar o Deseño Universal para a Aprendizaxe aos e ás docentes e así coñecer todas as vantaxes que nos ofrece.

Ademais, no seu blog podemos atopar as ferramentas necesarias para todos e todas aquelas docentes que queiran implantar prácticas inclusivas na súa aula.

 

Máis información: