Punto virtual :: Down Galicia

APRENDIZAXE COOPERATIVA

 

METODOLOXÍAS E ESTRATEXIAS VENCELLADAS COA ACCESIBILIDADE:
APRENDIZAXE COOPERATIVA

 

MÉTODOS-ESTRUTURAS COOPERATIVAS COMPLEXAS

Os métodos-estruturas complexas son aquelas que se teñen que aplicar en varias sesións de clase e na súa posta en práctica se poñen en xogo distintas, e máis complexas, capacidades das persoas participantes (buscar información, compartila, sintetizala, comunicala…).

 

O PUZZLE (JIGSAW – ARONSON E COLABORADORES, 1978)

Especialmente útil para as áreas de coñecemento nas que os contidos son susceptibles de ser “fragmentados” en diferentes partes. Este método favorece a interdependencia dos alumnos e alumnas, xa que a información dáselles distribuída en partes (tantas como compoñentes do equipo), coma se fosen as pezas dun crebacabezas. Cada alumno ou alumna obtén unha parte da información necesaria para realizar a tarefa, converténdose en “experto” da súa peza do crebacabezas ou parte de coñecemento. Os membros do equipo son responsables de coñecer a fondo a información que lles corresponde, ensinala e aprendela e tamén de aprender a información presentada polos outros membros do equipo.

 

APRENDENDO XUNTOS (LEARNING TOGETHER – JOHNSON E JOHNSON,1999)

Esta técnica pódese utilizar para presentar contidos; realizar traballos escritos; fomentar o traballo autónomo e a autorregulación; interiorizar destrezas, procedementos e rutinas; procesar, organizar e elaborar a información; promover o apoio e a axuda mutua; e responder preguntas, exercicios e problemas.

Os pasos a seguir son:

  1. O alumnado agrúpase en equipos heteroxéneos de catro integrantes
  2. Os grupos traballan con follas de actividades especialmente deseñadas polo mestre ou mestra
  3. Cando os grupos terminan de traballar coas follas de actividades, realizan un único traballo colectivo que entregan ao profesor ou profesora
  4. O traballo grupal constitúe a base da avaliación, servindo de base para outorgar as recompensas e os recoñecementos

 

TITORÍA ENTRE IGUAIS (PEER TUTORING)

Esta técnica consiste na colaboración entre dous alumnos ou alumnas, un/unha que demanda axuda e outro/outra que lle responde ofrecéndolla. En síntese, a secuencia para seguir na aplicación desta técnica pode ser a seguinte:

  • Fase de preparación: selección do alumnado titor e do alumnado titorizado
  • Deseño das sesións de titoría (contidos, estrutura básica, sistema de avaliación)
  • Constitución dos “pares”: alumno titor / alumna titora e alumno titorizado / alumna titorizada
  • Formación do alumnado titor
  • Inicio das sesións, baixo a supervisión dun profesor ou profesora nas primeiras sesións
  • Mantemento da implicación dos titores e das titoras (con reunións formais e contactos informais co profesorado de apoio)

 

GRUPOS DE INVESTIGACIÓN (GI-GROUP INVESTIGATION)

É un método semellante ao traballo por proxectos de primaria ou aos créditos de sínteses de secundaria. Segue os pasos seguintes:

  • Elección e distribución de subtemas: O alumnado escolle un subtema, segundo as súas aptitudes ou intereses, dentro dun tema xeral exposto polo profesorado de acordo ao currículo. Cada equipo elixe un subtema diferente, de maneira que todo o grupo clase traballa o mesmo tema xeral, pero desde diferentes especializacións.
  • Planificación do estudo do subtema: Os membros do equipo, xunto co profesor ou profesora, determinan os obxectivos que se propoñen e planifican os procedementos que utilizarán para conseguilos, ao mesmo tempo que distribúen o traballo a realizar.
  • Desenvolvemento do plan: Os alumnos e alumnas desenvolven, por escrito, o seu plan de traballo. O profesor ou profesora segue o progreso de cada grupo e ofrece a súa axuda cando sexa necesaria.
  • Análise e síntese: Os alumnos e alumnas analizan e avalían a información obtida. Resúmena e preséntana ao resto da clase.
  • Presentación do traballo: Unha vez exposto, expóñense preguntas e dáse resposta ás posibles cuestións, dúbidas ou ben ampliacións do tema que se poidan formular.
  • Avaliación: O profesor/a e os alumnos e alumnas realizan conxuntamente a avaliación do traballo en grupo e a exposición. Non é incompatible cunha avaliación individual posterior.

Este método fomenta a motivación intrínseca, co compromiso co subtema elixido e co plan de traballo dos compañeiros e compañeiras de equipo, e a autonomía.

 

Como sinala Echeita (1995),”non existe o método cooperativo “por excelencia”, senón que se debe elixir e valorar en cada momento a vantaxe dun ou outro, de acordo á actividade, o contido e o grupo de alumnos”.