APRENDIZAXE COOPERATIVA
METODOLOXÍAS E ESTRATEXIAS VENCELLADAS COA ACCESIBILIDADE:
APRENDIZAXE COOPERATIVA
TÉCNICAS-ESTRUTURAS COOPERATIVAS SIMPLES
As técnicas-estruturas simples son aquelas que se levan a cabo ao longo dunha sesión de clase ou parte dela, son fáciles de aprender e de aplicar e, ademais, aplicándoas, os alumnos e as alumnas que interactúan poñen en xogo unha ou moi poucas habilidades (compartir información, opinar, decidir…). Estas estruturas son moi eficaces á hora de asegurar o traballo cooperativo en equipo dentro da aula.
1-2-4
Primeiro, dentro do equipo de base, cada persoa pensa cal é a resposta correcta a unha pregunta que propuxo o mestre ou a mestra. En segundo lugar, colócanse de dúas en dúas, intercambian as súas respostas, coméntanas e escriben unha resposta común. Finalmente, en terceiro lugar, as dúas parellas do equipo de base (todo o equipo) poñen en común as súas respostas e deciden e constrúen entre todas a resposta final á pregunta que lles fixo o mestre ou a mestra.
FOLIO XIRATORIO
O mestre ou a mestra encarga unha tarefa aos equipos de base (unha lista de palabras, a redacción dun conto, as cousas que saben dun determinado tema para coñecer as súas ideas iniciais, unha frase que resuma unha idea fundamental do texto que leron ou do tema que estudaron, etc.).
Un membro do equipo empeza a escribir a súa parte nun folio en branco que, a continuación, pasa a un compañeiro ou compañeira, seguindo a dirección das agullas do reloxo, para que escriba a súa parte da tarefa no folio. Este fai a súa parte da tarefa e pásao ao seguinte membro do equipo ata que entre todos acaben a tarefa no “folio xiratorio”.
Cando un membro do equipo escribe a súa parte, os demais estarán atentos para axudarlle, corrixirlle…, posto que todos son responsables da produción do equipo e non só da súa parte.
LAPIS AO CENTRO
O mestre ou a mestra dá a cada equipo unha folla con tantas preguntas ou exercicios sobre o tema que estean traballando en clase nese momento como membros ten o equipo de base (xeralmente catro). Cada un deles encárgase de dirixir a realización dunha destas tarefas. Para iso, cada alumno ou alumna debe facerse cargo da resposta dunha pregunta ou da realización dun exercicio (debe lelo en voz alta, debe asegurarse de que todos os seus compañeiros e compañeiras achegan información e comprobar que todos e todas saben e entenden a resposta consensuada).
Primeiro, cos lapis no centro da mesa, un le a primeira tarefa (o problema, a pregunta…), póñense de acordo en como deben resolvela ou cal é a resposta adecuada. Mentres falan sobre como se fai e deciden cal é a resposta correcta, os lapis de todos colócanse no centro da mesa. Cando todos o teñen claro (o membro responsable da pregunta ou do exercicio debe asegurarse de que todos o teñen claro e saben que deben facer ou que hai que responder), cada un colle o seu lapis e escribe ou fai no seu caderno ou no dossier o exercicio sobre o que están a traballar. Neste momento xa non poden falar, só se pode escribir. Logo, poñen de novo os lapis no centro da mesa, o segundo le a tarefa e, unha vez de acordo, en silencio cada un faina no seu caderno. E así sucesivamente ata que todos completen toda a actividade.
PARADA DE TRES MINUTOS
O mestre ou mestra dá unha explicación a todo o grupo clase. De cando en vez establece unha breve parada de tres minutos para que cada equipo de base pense e reflexione sobre o que lles explicou ata aquel momento e pense tres preguntas sobre o tema en cuestión, que despois deberá expor. Unha vez transcorridos estes tres minutos cada equipo expoñerá unha pregunta das tres que pensou, unha por equipo en cada volta. Se unha pregunta, ou outra moi parecida, xa foi exposta por outro equipo, a saltan. Cando xa se expuxeron todas as preguntas, o profesor ou a profesora prosegue a explicación, ata que estableza unha nova parada de tres minutos.
LECTURA COMPARTIDA
Un alumno ou unha alumna dun equipo le o primeiro parágrafo dun texto. O resto deben estar moi atentos. A continuación, o seguinte alumno ou alumna, seguindo a dirección das agullas do reloxo, explicará o que leu e fará un resumo. Os que veñen a continuación (o 3º e o 4º) din se o resumo é correcto e, se é necesario, matízano ou amplíano. O 2º alumno ou alumna lee o segundo parágrafo, o 3º fai un resumo, o 4º e o 1º din se é correcto, e así sucesivamente ata que lean todo o texto. Se hai algunha palabra que non entenden, mesmo despois de consultar o dicionario, a persoa portavoz do equipo comunícao ao mestre ou á mestra, a cal pregunta aos demais equipos (que están a ler o mesmo texto) se coñecen o significado. Se alguén o sabe, explícao e, ademais, di como o deduciron.