PUNTO VIRTUAL DE EDUCACIÓN
PREGUNTAS FRECUENTES
PREGUNTAS FRECUENTES
Como podo asegurarme de que todo o meu alumnado recibe os apoios que precisa?
APOIO:
“Acto de prestar axuda ou asistencia a outra persoa para que poida realizar actividades e poida participar na aula” (Relatora Especial sobre os dereitos das persoas con discapacidade).
“Implica definir un novo rol do profesorado coa vista posta na inclusión. Apoiar implica coordinación para o logro de obxectivos compartidos e definidos como equitativos” (J. Blas García).
“Debe ser proporcionado polos profesionais mediante unha planificación de actividades pensadas para todo o alumnado, sendo conscientes dos seus diferentes puntos de partida, experiencias, intereses e estilos de aprendizaxe…” (Booth e Ainscow, 2000).
A educación inclusiva baséase nunha concepción humanista da educación que se centra na perspectiva dos Dereitos Humanos e da xustiza social. O modelo social no que se move a educación inclusiva fala de eliminar barreiras para crear contextos acolledores e seguros para todo o alumnado. A educación inclusiva considera que os apoios son unha ferramenta clave para a calidade de vida das persoas e supoñen a estratexia que mellora o funcionamento humano. Os apoios ofrecen a oportunidade de reducir e/ou eliminar a discrepancia entre as habilidades dunha persoa e as demandas do contexto.
Apoio son todas aquelas actuacións e actividades que o/a docente, ou calquera outro membro da comunidade educativa, poida realizar para dar unha resposta inclusiva a todo o alumnado, de maneira que lle permita mellorar a súa participación tanto na aula como no contexto educativo e social. O apoio tamén é colaborar, construír xuntos partindo da capacidade, axustar o contexto e traballar entre iguais, coa finalidade de eliminar barreiras.
Teremos alumnos e alumnas nos nosos centros educativos que necesiten sempre un apoio ou axuda para participar significativa e plenamente na aula, outros que necesiten o apoio puntualmente e outros que non o necesiten, variando en cada caso a intensidade, pero sempre nos baseamos na axuda e na colaboración. Ofrecer un apoio de calidade é un dereito imprescindible para que todo o alumnado poida participar activamente na aula. A falta de apoios adecuados supón, por tanto, segregar, cometer inxustizas e poñer barreiras á presenza, á participación ou á aprendizaxe.
Debemos facer que o noso centro educativo se constitúa nunha verdadeira comunidade de apoio, unha rede na que se presta axuda para que todo o mundo poida participar de maneira equitativa. Desta forma, o apoio non se centra unicamente nun profesorado concreto nin nun alumnado concreto, senón que alumnado, profesorado, familias e comunidade educativa en xeral, colaboran para axudar con propostas claras. A cultura da colaboración impregna desta forma todas as actuacións que alí se desenvolven.
Pode que en moitas ocasións nos xurdan dúbidas, polo que para asegurarnos de que todo o alumnado recibe os apoios que precisa, apuntamos algúns aspectos que poden axudar a deseñalos de maneira equitativa:
- Coñecer ao alumnado para poder establecer apoios centrados na persoa e nas barreiras que condicionan a súa participación, deseñando, na medida do posible, un sistema de apoios a medida da persoa que os precisa, con ela.
- Ser facilmente postos en práctica e ser utilizados por profesionais e non profesionais (alumnado, familias…) con diferentes habilidades.
- Xerar logros e resultados consistentes, que melloren a autonomía e a participación.
- Proporcionar información accesible e comprensible.
- Identificar as necesidades de apoio en condicións cambiantes e complexas.
- Xerar resultados aplicables á toma de decisións importantes sobre diferentes temas.
- Estar deseñados en coordinación coas persoas da contorna máis próxima (familia, compañeiros e compañeiras, amizades…)
Non é apoio:
- Se o deseñamos sen ter en conta as barreiras e as necesidades de apoio da persoa que o necesita, dando prioridade a outras cuestións.
- Se o deseñamos en base a un diagnóstico ou etiqueta, deixándonos levar por expectativas equivocadas, sen coñecer á persoa, a súa relación co contexto e as barreiras para a participación.
- Se son invariables e non temos en conta posibles cambios ou procesos evolutivos, perpetuando apoios ao longo do tempo.
- Se o proporcionamos fóra do contexto/situación/actividade onde se precisa.
- Se contribúe a crear/aumentar a dependencia, en lugar de fomentar a autonomía.
- Se non mellora a participación, progreso e inclusión.
- Se aumenta a sensación de exclusión e segregación.
Por último, unha vez empregadas todas as estratexias das que dispón un centro educativo para facilitar a accesibilidade e universalidade do seu alumnado, e cando estas resulten aínda insuficientes para responder a un determinado alumno ou alumna, debemos deixar lugar aos posibles axustes razoables, sen impoñer unha carga desproporcionada ou indebida. Estes serán todas aquelas modificacións e axustes que garantan o goce ou exercicio de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais, en igualdade de oportunidades.
En conclusión, podemos dicir que o apoio é un facilitador, unha ponte entre “o que é” e “o que pode ser”, entre a realidade e o desexo. Cando prestamos un apoio dende o respecto, de igual a igual, dignificamos á persoa. Facelo dende a desigualdade, como unha axuda que deseñamos considerando unicamente a perspectiva asistencial e sen ter en conta á propia persoa e ás barreiras que o limitan, poden chegar a estigmatizar, invisibilizar e oprimir.
Máis información:
“Los apoyos facilitadores para la inclusión” Dr. Joan J. Muntaner